O BNG esixe ao Concello de Ourense explicacións sobre a situación da discoteca Desörden

Este venres coñeceuse o informe técnico sobre a discoteca Desörden tras varias denuncias presentadas pola veciñanza tanto do edificio onde se sitúa discoteca Desörden como das comunidades vindeiras e que tiña por obxecto verificar o nivel de ruído emitido polo local e se este cumpre ou non cos parámetros establecidos na Ordenanza municipal sobre a protección contra ruídos e vibracións, cuestión esencial pola cal lle foi concedida a licenza de apertura.
Dende o BNG denuncian que as conclusión de dito informe “son claras” e constatan “a existencia de emisións sonoras que non foron correctamente controladas polo limitador existente, o que permite inferir a presenza de equipos de reprodución ou amplificadores non integrados na cadea do sinal xestionado polo citado limitador”.
Ademais, explica o voceiro, Luís Seara, “no propio informe dise que dita configuración incumpre as prescricións técnicas establecidas na Ordenanza municipal ao permitir a emisión de niveis sonoros non sometidos a control”.
Seara lembra que xa no Pleno celebrado no Concello de Ourense o pasado mes de decembro de 2025, o seu grupo advertiu sobre as dúbidas e irregularidades detectadas en torno a reapertura do local así como das múltiples molestias que esta estaba a causar na veciñanza, entre elas polo exceso de ruído. Un pleno no que lembran, o alcalde chegou a afirmar que a reapertura contaba con todos os informes técnicos favorables e que no caso de “facerse algunha medición, se pasa dos decibelios, a discoteca non pode operar e punto”.
Por iso, diante das conclusións do informe, desde o Grupo municipal do BNG urxen ao Goberno local a que, “en coherencia co expresado polo propio Alcalde, adopte de maneira urxente todas as medidas precisas para que dito local deixe, efectivamente, de operar”. Seara adianta que o seu grupo vén de presentar unha pregunta escrita para resposta oral no Pleno ordinario do mes de febreiro e previsto para o vindeiro venres día 6, solicitando ao executivo de Pérez Jácome unha resposta clara ao respecto.