O BNG esixe unha solución urxente á paralización das obras na Avenida de Portugal e pide explicacións a Jácome

O grupo municipal do BNG no Concello de Ourense reclamou este sábado unha solución inmediata ante a paralización das obras de reforma integral da Avenida de Portugal e pediu ao alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, que aclare se coñecía a situación económica da empresa adxudicataria antes de que se producise o parón.
Os nacionalistas compareceron en rolda de prensa para informar dos datos aos que tiveron acceso sobre a situación dos traballos, actualmente detidos pola empresa encargada da execución.
O portavoz municipal do BNG, Luís Seara, lembrou os antecedentes da adxudicataria, OPAIN SL, nunha actuación anterior na cidade, concretamente nas obras de Rabo de Galo. Segundo sinalou, “esa obra foi un auténtico disparate, lenta e cunha execución deficiente”, o que provocou numerosas queixas veciñais. Ademais, explicou que naquel proxecto a empresa tivo que reclamar xudicialmente ao Concello o pagamento de 330.000 euros, mentres que outros 104.000 euros seguen pendentes.
Seara lembrou tamén que no seu momento o propio alcalde asegurou aos veciños que, a partir de entón, controlaría persoalmente a solvencia das empresas adxudicatarias. “Que a partir de entón, el ía baixar á area para controlar que as empresas non foran só solventes, senón que ademais foran empresas que fixeran as cousas ben”, afirmou, engadindo que finalmente “para sorpresa ou non, OPAIN levouse a obra da reforma da Avenida de Portugal”.
Desde o BNG explicaron que durante os últimos meses recibiron comentarios e rumores sobre o desenvolvemento dos traballos, algo que relacionaron coa lentitude das obras e coa escasa presenza de operarios. Por ese motivo, aseguraron ter preguntado reiteradamente nas xuntas de área e no pleno municipal pola evolución da actuación.
Segundo os nacionalistas, a resposta do concelleiro responsable sempre foi que os traballos avanzaban con normalidade. De feito, lembraron que o pasado 21 de agosto o goberno local difundiu unha nota de prensa na que afirmaba que as obras “avanzaban a bo ritmo e que rematarían a finais do ano 2025”.
Porén, esta mesma semana a empresa anunciou publicamente a paralización dos traballos alegando impagos por parte do Concello. A partir dese momento, segundo o BNG, produciuse “unha cadea de información contradictoria, de desinformación e nos dicimos que claramente de mentiras e falsedades por parte do Goberno Local”.
O portavoz nacionalista criticou ademais os cambios nas previsións sobre a reanudación das obras. “Primeiro, que as obras se van reanudar en tres días, onte mesmo, os tres días xa pasan a ser unha ou dúas semanas e imaxino que cando chegue o luns, o Alcalde xa falará de meses”, sinalou.
Seara asegurou tamén que o grupo municipal mantivo contacto con veciños e comerciantes da zona, quen —segundo indicou— están “absolutamente indignados pola paralización, pero fundamentalmente pola falla de información e polas mentiras sistemáticas que por parte do Goberno Local se está a trasladar”.
Durante a comparecencia, o BNG explicou ademais que nos últimos días tivo acceso a información sobre a situación financeira da empresa adxudicataria. Segundo Seara, “a empresa OPAIN, o 8 de agosto presentou nun Xulgado do Mercantil de Madrid unha comunicación na que di que está nunha situación de insolvencia inminente”. Por iso, expuxo a dúbida de se o alcalde coñecía esa situación, xa que —engadiu— “nós estamos absolutamente seguros que sí porque o mesmo que a nós nos chegaban os rumores, con máis forza lle chegarían a el”.
Ante este escenario, os nacionalistas cuestionan por que o goberno municipal non adoptou medidas preventivas se tiña coñecemento desa situación e consideran que as consecuencias están afectando directamente a veciños e comerciantes da zona.
Por todo isto, o BNG esixe ao alcalde que explique que alternativas manexa o goberno local para resolver o problema. “Aclara cales son as alternativas nas que están a traballar para dar solución a esta situación, esa é agora mesmo unha cuestión central”, reclamou Seara.
Así mesmo, pediu que o rexedor aclare se era coñecedor da situación da empresa e reclamou unha resposta inmediata. “Pedimoslle ao Alcalde que se deixe de enmarañar, que se deixe de mentir nas redes sociais, que non se parapete detrás das mesmas e que dea a cara diante das veciñas e veciños”, concluíu.