O BNG esixirá no Parlamento galego medidas para desbloquear a Praza de Abastos nº 1 de Ourense

O BNG presentará este venres na Comisión Sexta do Parlamento de Galiza unha Proposición Non de Lei (PNL) para reclamar da Xunta unha maior implicación na resolución do bloqueo que afecta ao traslado das e dos comerciantes ao edificio rehabilitado da Praza de Abastos número 1 de Ourense.
A formación nacionalista lembra que o mercado se sitúa “na contorna das Burgas, nun espazo declarado BIC, con evidente valor patrimonial, histórico e monumental e sendo un dos lugares máis visitados da cidade”. Nese sentido, o deputado Iago Tabarés sinalou que “a incapacidade para a xestión dos recursos públicos por parte do Concello de Ourense non pode seguir prexudicando o desenvolvemento económico e social da cidade”.
Tabarés critica tamén a actitude do alcalde ourensán, a quen acusa de manter unha postura que “non pode seguir privando á cidadanía de espazos públicos, polo que a Xunta de Galiza debe implicarse activamente na adopción e execución das medidas necesarias para a posta en funcionamento da Praza de Abastos e na adaptación e acondicionamento da súa contorna”.
A iniciativa do BNG recolle igualmente o recente auto do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Ourense, que o pasado 24 de setembro desestimou as medidas cautelares solicitadas polos Comerciantes Asociados, e que determina que deben ser eles quen presenten un proxecto de adaptación interior que defina as características e necesidades dos postos, sen prexuízo de establecer quen debe financiar e executar esas adaptacións.
Porén, segundo Tabarés, a realidade é que, “actualmente, após millóns de euros de recursos públicos investidos e dunha nefasta xestión por parte do Goberno local, renunciando ao acondicionamento exterior do edificio ou á implantación dos necesarios servizos complementarios unido á devolución de subvencións concedidas incrementadas co pagamento de xuros das cantidades percibidas e con defectos na execución do proxecto así como a ausencia de previsións e actuacións no interior para acomodalo ao destino previsto fai que a infraestrutura siga pechada, sen poder ser usada e que as comerciantes, contra a súa vontade, continúen ocupando parte da Alameda, un dos poucos espazos verdes de lecer cos que aínda conta a cidade de Ourense”.
Por todo isto, o BNG considera imprescindíbel que, “con carácter urxente e previo diálogo co Concello e coa asociación de comerciantes da Praza de Abastos, a Xunta impulse as actuacións necesarias para a entrada en funcionamento do edificio, rematando e mellorando a súa accesibilidade e a urbanización da contorna consonte ao proxectado no seu día e comprometendo o financiamento a tal fin”.