O BNG esixe a reforma inmediata dos centros de menores de Monteledo e Montefiz

OurenseXa
O deputado Iago Tabarés denunciou a situación deplorable na que se encontra o único centro de menores de atención especializada de Galicia
Iago Tabarés
5 Sep 2024

O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Iago Tabarés, na Comisión 1ª de Administración Xeral, Xustiza e Interior, demandou instar á Xunta de Galicia, a través dunha Proposición Non de Lei, reformar as instalacións dos centros de menores de Monteledo e Montefiz, así como aumentar os rateos do persoal de atención e tratamento de menores, e mellorar as condicións laborais das traballadoras e traballadores.

O estado das instalacións do centro de Monteledo, “ao que se están a derivar a menores con medidas de internamento terapéutico por falla de praza en Monfefiz”, sinalou Tabarés, é deficiente, falla de climatización e calefacción en boa parte das habitacións, o patio non ten as condicións para a practica deportiva, non existe conexión coa rede de saneamento, mal estado dos aseos ou mesmo interrupcións no sistema de subministración eléctrica. “Deficiencias, denunciadas polo propio comité de empresa, que mesmo provocaron a protesta de varios menores internados no centro”.

A estas deficiencias nas infraestruturas, Tabarés engadiu a falta de medios e recursos de persoal. “Os rateos de persoal son os de 2005”, particularmente significativa son as deficiencias psiquiatras, “a pesares das propias características do centro non conta con psiquiatras no cadro de persoal”. Unhas condicións laborais que non tiveron variacións dende o inicio dos 2000. A posición do BNG pasa por aumentar os rateos do persoal de atención e tratamento de menores, e mellorar as condicións laborais das traballadoras. “A precarización do funcionamento do sistema, dificulta a consecuencia dos obxectivos pretendidos na imposición das medidas, algo ante o que a Xunta de Galicia está a amosar unha inaceptable pasividade” apuntou.

Actualmente na Galicia só existe un centro específico para a execución de medidas de tratamento terapéutico en réxime pechado, o Centro de Menores de Atención Especializada Montefiz, en Ourense.

O portavoz de Xustiza do BNG no Parlamento destacou que as prazas das que dispón o centro Montefiz “non son abondas para acoller a todos os menores suxeitos a medidas de internamento terapéutico, polo que se están a producir casos nos que teñen que ser derivados a outros centros que carecen dos medios e recursos para a eficaz execución das medidas impostas”.

Tabarés solicitou incrementar con carácter inmediato as prazas para a execución de medidas de reforma que impliquen o internamento, nomeadamente de carácter terapéutico, así como a xestión pública directa dos centros de internamento de menores suxeitos á medidas de reforma.

A iniciativa presentada polo BNG para conseguir mellorar a situación dos centros de menores de Monteledo e Montefiz, non saíu adiante cos votos en contra do Partido Popular.

0.12531709671021