O BNG insta á Xunta a declarar a zona histórica de Ourense como área REXURBE
O Grupo parlamentar do BNG no Parlamento galego e a iniciativa do deputado por Ourense Iago Tabarés, ven de rexistrar una Proposición Non de Lei (PNL) para o seu debate en Pleno, no que se aborde a declaración da zona histórica de Ourense como Área de Rexeneración Urbana de Interese Autonómico (REXURBE) e contribuir deste xeito a paliar “o proceso de degradación arquitectónica, urbanística e ambiental, debida a obsolescencia do edificado, tanto das vivendas como dos equipamentos, dotacións e servizos, así como a falta de conservación dos bens mesmo dos que gozan dalgún tipo de protección cultural”.
Tal e como sinala Iago Tabarés, “no Pleno ordinario correspondente ao pasado mes de marzo, o Concello de Ourense acordou, coa abstención de DO, instar ao Goberno Local a que, de maneira urxente e inmediata, solicitase á Xunta de Galiza a declaración da zona histórica de Ourense como área REXURBE. Igualmente, o acordo Plenario partía da constatación da complicada situación demográfica desta zona de Ourense, cunha notable perda de poboación nos últimos anos e un incremento da media de idade das residentes actuais”.
Ás situacións descritas con anterioridade hai que engadirlle que, “a falla de planificación estratéxica sobre este núcleo da cidade está a provocar graves problemas económicos e sociais con diminución constante da taxa de actividade económica, particularmente da comercial, en beneficio exclusivo dunha explotación turística carecente de deseño estratéxico”. E é que en pouco máis dunha década, segundo o BNG, “a poboación residente na zona histórica de Ourense reduciuse en máis dunha terceira parte, pasando de 5.500 a 3.650. O 50% das residentes pasan dos 65 anos e máis de 70 edificios da zona histórica ameazan ruína”.
Para o deputado Tabarés resulta sorprendente que “pese a que o Concello de Ourense no mes de abril, formalizou ante a Xunta de Galiza a solicitude da declaración da zona histórica como área REXURBE, non temos constancia de que por parte do Executivo galego, se producisen avances na tramitación da mesma”, e engade, “ante esta situación, interpelaremos ao Goberno no Parlamento para que clarexe a situación actual e para que en todo caso, declare a zona histórica de Ourense como área REXURBE á maior brevidade posible e poida, deste xeito, beneficiarse de todos os recursos que dita declaración conleva”.