O BNG leva ao pleno a reapertura da antiga Discoteca Macao tras as queixas dos veciños de Valle Inclán

OurenseXa
Esixen que se adopten “todas as medidas que sexan precisas para paliar as consecuencias que para a veciñanza está a ter a reapertura da discoteca, nomeadamente no relativo ao exceso de ruído, á falta de seguridade, ao incremento da conflitividade e ao aumento do lixo”
Erea Blanco, Luís Seara, Rhut Reza e Xosé Manuel Puga
1 Dec 2025

A reapertura da discoteca Desörden, coñecida popularmente como “Macao”, situada na rúa Valle Inclán número 3, está a xerar preocupación entre a veciñanza da zona desde antes mesmo da súa apertura o 25 de outubro. O local fora clausurado en 2019 por Decreto debido ás obras que afectaron ás condicións da súa actividade, así como por dous expedientes pendentes relacionados coa revogación da licenza e a reposición da legalidade, polo que para moitos, resulta incomprensible que puidese reabrir co todas as grantías.

O portavoz do BNG, Luís Seara, explicou que “a veciñanza de Valle Inclán próxima á discoteca está sufrindo nestes momentos o que a veciñanza da parte sur da zona histórica leva anos denunciando. Exceso de ruído, falla de seguridade, aumento da conflitividade ou exceso de lixo, situacións todas elas que derivan en problemas físicos, psicolóxicos e que mesmo levan anos provocando unha fuxida masiva de habitantes desa zona da cidade, con todas as consecuencias que iso conleva”.

A través da moción presentada, o BNG pide que o Goberno local asuma responsabilidades e “escoite á veciñanza, que resposte ás múltiples queixas, ás múltiples denuncias e os múltiples requerimentos que esta ten rexistrado no Concello. Que atenda ás súas peticións e que na medida do posíbel actúe e tome as medidas oportunas para paliar as consecuencias que esta reapertura está tendo nas veciñas e nos veciños”.

Seara tamén lembrou que a problemática non é exclusiva deste local. “Falamos hoxe da discoteca Desörden porque está a causar unha fonda preocupación entre a veciñanza da zona ao reactivarse un problema que parecía quedar no pasado. Pero queremos ampliar o foco e reclamamos que tamén se actúe en todas as zonas da cidade nas que existe esta problemática”.

Finalmente, o BNG solicita que se adopten “todas as medidas que sexan precisas para paliar as consecuencias que para a veciñanza está a ter a reapertura da discoteca, nomeadamente no relativo ao exceso de ruído, á falta de seguridade, ao incremento da conflitividade e ao aumento do lixo e da suciedade xerada no exterior como consecuencia da actividade do local mais tamén que se fagan extensivas ao resto de zonas da cidade nas que existen locais de ocio nocturno”.

⚙ Configurar cookies
0.073967933654785