O BNG leva ao Pleno as principais demandas da veciñanza de Rairo

O Grupo municipal do BNG trasladará ao Pleno do Concello de Ourense deste venres diversas propostas relacionadas coas necesidades pendentes na parroquia de Rairo, que veñen sendo reclamadas pola veciñanza desde hai tempo. Entre elas, destacan a mellora do transporte público, completar a rede de saneamento, a reforma integral do parque infantil, axustes na recollida do lixo ou melloras no alumeado público.
Estas demandas, segundo indican desde o BNG, xorden do contacto continuo mantido coa veciñanza nas últimas semanas, co obxectivo de dar resposta a carencias que afectan directamente á calidade de vida das persoas que residen nesta zona do rural ourensán.
O portavoz nacionalista, Luís Seara, subliñou que “a maior preocupación para a veciñanza de Rairo, ao igual que acontece noutras parroquias do concello, está relacionada co transporte público, un Servizo que se ten revelado a día de hoxe como básico e fundamental”, engadindo que “precisamos que o Servizo, máis concretamente as liñas e os horarios se adapten á vida cotiá da maior parte da veciñanza”.
Seara lembrou que, malia os anuncios feitos polo Goberno local sobre cambios no mapa de liñas, "algunhas xa se implementaron", pero insistiu en que debe seguirse traballando para adaptar o servizo ás necesidades reais da poboación.
Outro dos puntos que se exporán no Pleno é a situación da rede de saneamento. Segundo sinala o BNG, aínda existen vivendas que “debido a falla de saneamento e rede de sumidoiros, verten directamente o regato do Chis as súas augas residuais”. Desde o grupo nacionalista consideran que é necesaria a construción da infraestrutura correspondente para garantir a recollida e tratamento axeitado destas augas.
Tamén se exporá a situación do parque infantil de Rairo, que segundo denuncian presenta un estado de deterioro que podería supoñer un risco para a seguridade dos nenos e nenas. A isto súmanse peticións para mellorar a limpeza de camiños e parcelas de titularidade municipal, axustar o servizo de recollida de lixo e mellorar o alumeado público.
“Falamos de pequenas melloras que contribuirían á mellora da calidade de vida da veciñanza de Rairo. Cómpre prestar atención ás súas demandas, achegar solucións á maior brevidade posible e manter un diálogo permanente con elas e con eles á hora de tomar decisións que afecten á parroquia”, concluíu Seara.