O BNG levará ao pleno do Concello de Ourense unha moción para mellorar o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar

OurenseXa
Advirten de que o SAF foi sendo “progresivamente deteriorado” por parte do Goberno da Xunta e consideran que o financiamento é “insuficiente e desequilibrado”
grupo-municipal-bng-ourense
3 Feb 2026

O Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense levará ao pleno previsto para este venres, 6 de febreiro, unha moción relativa á necesidade de mellorar o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) así como garantir a prestación publica do mesmo.

Os nacionalistas lembran que o SAF naceu como parte dun modelo público de servizos sociais impulsado durante os anos nos que o BNG tivo responsabilidades de goberno na Xunta, coa aprobación da Lei de Servizos Sociais e a creación dun sistema baseado na universalidade, na igualdade de dereitos e na responsabilidade pública.

Porén, denuncian este modelo foi sendo “progresivamente deteriorado” pola actuación do Partido Popular na Xunta de Galicia que, segundo o voceiro nacionalista, Luís Seara, “optou por un sistema de financiamento insuficiente e desequilibrado, trasladando unha parte crecente do custo do servizo aos Concellos, que non dispoñen nin das competencias nin dos recursos necesarios para asumir esa carga”.

Para os nacionalistas, esta situación “vulnera o marco legal vixente en materia de dependencia, que establece a obriga de garantir o financiamento íntegro do servizo entre a Xunta e o Estado”. Dende o BNG insisten en que “os datos económicos confirman este desequilibrio” e sinalan que “o investimento por persoa dependente en Galiza sitúase moi por debaixo da media estatal e o custo real do servizo continúa incrementándose ano tras ano, especialmente nos concellos rurais, con poboación máis envellecida e dispersa”.

Ademais, advirten que “namentres os concellos están obrigados a facer fronte mensualmente ás facturas do SAF, con prazos de pagamento que non superan os 30 días, a Xunta liquida a súa achega con carácter trimestral e, nalgúns casos, con atrasos de varios meses respecto ao remate do trimestre correspondente”.

Para os nacionalistas, “este sistema de liquidación e a dilatación nos pagamentos da Xunta obriga os concellos a adiantar recursos propios para garantir a continuidade do servizo, xerando importantes tensións de tesourería, poñendo en risco o equilibrio financeiro municipal e provocando, en moitos casos, un incremento do Período Medio de Pago a provedores”.

Os coidados, insiste Seara, “deben ser un dereito garantido e non un servizo condicionado polo lugar de residencia”, polo que considera “imprescindible” un cambio de rumbo que asegure un financiamento “suficiente, estable e xusto e que sente as bases dun verdadeiro sistema público galego de atención á dependencia”.

No que ten que ver co financiamento, dende o BNG cualifican de “cativa” a proposta da Consellería, que contemplaba un financiamento máximo de até 16 euros/hora para o ano 2028, que foi rexeitada pola Comisión Executiva da FEGAMP en novembro, realizando unha nova oferta de financiamento por importe de 16 euros/hora para o 2026, 17 euros/hora para 2027 e 18 euros/hora para 2028.

Esta proposta, explican, foi aceptada pola maioría da Executiva da FEGAMP pero rexeitada polo seu partido ao considerala “totalmente insuficiente” xa que din, “nin tan sequera achegarse a cubrir o custe real do servizo e continuar afogando os concellos galegos”. Por iso, dende o BNG reclaman que a Xunta e o Estado abonen aos concellos a cantidade de 17 euros/hora con carácter retroactivo desde xaneiro de 2025, 20 euros/hora neste 2026 e que asuma o 100% en 2027.

⚙ Configurar cookies
0.084641218185425