O BNG logra rexistrar 1.468 sinaturas para esixir a reapertura da oficina de Naturgy en Celanova

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) rexistrou este xoves un total de 1.468 sinaturas nas oficinas de Naturgy en Ourense para reclamar a reapertura inmediata da oficina de atención presencial que a empresa pechou recentemente en Celanova de maneira unilateral e sen explicacións públicas.
A iniciativa foi presentada pola responsábel comarcal do BNG de Celanova, Ernesta Seoane, xunto co deputado do BNG no Parlamento de Galiza, Iago Tabares, e militantes da organización na comarca. As sinaturas proceden de fogares da Terra de Celanova e da Baixa Limia, territorios directamente afectados polo peche do servizo.
Desde o BNG denuncian que esta decisión supón “un novo agravio contra a veciñanza do rural”, ao deixar sen atención directa a milleiros de persoas que realizaban nesa oficina xestións básicas relacionadas co subministro eléctrico e de gas. Seoane subliñou que non se trataba dun servizo prescindible, senón dunha oficina con actividade diaria, e advertiu de que moitos trámites “por vía telefónica ou telemática resultan moitas veces imposibles ou ineficaces, especialmente para a xente maior”.
A portavoz nacionalista puxo o foco na realidade social da comarca, caracterizada por unha poboación avellentada e con dificultades de conectividade, que agora se ve obrigada a desprazarse até a cidade de Ourense para calquera xestión. “Estamos falando de persoas que teñen que percorrer máis de cen quilómetros ou depender doutra xente para facer trámites que antes resolvían na súa propia vila. Isto é unha nova forma de exclusión territorial e social”, afirmou.
Pola súa banda, Iago Tabares cualificou de especialmente grave que o peche da oficina se produza nunha empresa que continúa a obter beneficios dos recursos naturais da comarca. O deputado lembrou que a Baixa Limia leva décadas soportando o impacto dos encoros e das infraestruturas enerxéticas, “sacrificando territorio e oportunidades de desenvolvemento”, mentres sofre despoboamento e perda de servizos. “Non é aceptable que Naturgy faga negocio coa nosa auga e coa nosa enerxía mentres lle dá as costas á veciñanza. Se obteñen beneficios do noso territorio, teñen tamén unha responsabilidade social con el”, sinalou.
Tabares encadrou esta decisión nun proceso máis amplo de desmantelamento de servizos no rural galego, no que grandes empresas e administracións reducen dereitos e obrigan á cidadanía a realizar desprazamentos constantes.
Co rexistro das 1.468 sinaturas, o BNG traslada formalmente a Naturgy a esixencia colectiva de reabrir a oficina de Celanova e anuncia que continuará impulsando iniciativas no Parlamento de Galiza para que a empresa rectifique. “Esta mobilización demostra que a comarca está unida. O que pedimos é algo tan básico como atención presencial digna para a nosa veciñanza”.