O BNG pide a Jácome que escoite aos usuarios dos autobuses urbanos e recoñeza o “fracaso” do novo mapa do transporte

O BNG carga o novo mapa do transporte urbano do Concello de Ourense logo do último anuncio do Goberno municipal sobre novos cambios nas liñas de autobuses. Para os nacionalistas o que o alcalde denominan “axustes” non son máis que “unha emenda pola porta de atrás á totalidade da proposta inicial de Jácome”.
“O que se anuncia como axustes, son cambios en toda regra que evidencian que a proposta inicial estaba moi mal deseñada, algo fácilmente constatable se un atende ao sentir maioritario da veciñanza que emprega habitualmente o transporte público”, di o voceiro do BNG, Luís Seara, que ten claro que “en contra do que se pretendía, o novo mapa de liñas non ofrece nin máis puntualidade nin máis conectividade”.
Os nacionalistas lembran que este pasado luns iniciaron unha recollida de sinaturas no que a veciñanza está a amosar o seu “profundo malestar”. “Levamos toda a semana a pé de parada, escoitando á xente e recollendo as súas reclamacións, a súa indignación e as súas suxerencias. O descontento é xeralizado e iso é algo que percibimos coa intensa recollida de sinaturas que estamos tendo”, explica o voceiro.
Ante estes cambios e as críticas recollidas, os nacionalistas piden a Jácome “que baixe á area, que abandone o seu búnquer da Alcaldía, que baixe do coche oficial, que se sitúe nas paradas e que escoite aos que verdadeiramente están a padecer as consecuencias dunha proposta de liñas que xa se ten revelado como caótica e incompleta”. “Os continuos cambios ou axustes como eles lles chaman non son máis que a constatación de dito fracaso”, reitera Seara.