O BNG pide a Jácome “respecto e consideración” cos bombeiros da cidade

O BNG de Ourense denuncia que catro anos despois de que o tribunal Supremo, a través de sentencia firme, dictaminara que os pluses de nocturnidade e festividade que percibían os bombeiros do Concello de Ourense tiñan que pasar a formar parte da nómina mensual ao non consideralos como pluses senón como parte do complemento específico, o Goberno Jácome segue sen cumprir, adebedando cantidades moi elevadas a cada un deles e pese a terse aprobado varias modificacións de crédito para regularizar dita situación.
Mais o coflicto, lonxe de resolverse, “estase volvendo cada véz máis insostible pola actitude chulesca e altiva do propio Jácome, quen lonxe de pagar o que adebeda, tenta confundir á veciñanza trasladando a idea de que os bombeiros piden cobrar máis” e engade, “nada máis lonxe da realidade, o único que están reclamando é o pagamento do 40% da súa nómina e que o Concello lles está a negar sistemáticamente sen xustificación algunha”.
O Portavoz do BNG Luís Seara exíxelle a Jácome “que deixe de enlamar, de presionar ou de tentar coaccionar aos bombeiros, quenes lexítimamente reclaman o que é deles, con propostas que non teñen ningún sentido. Mellor nos iría a todos se en vez de tentar confrontar á veciñanza con estes servidores públicos, o Alcalde centrase os seus esforzos en reforzar unha plantilla que está baixo mínimos, o que supón un risco para a seguridade, non soamente dos propios bombeiros senón da veciñanza no seu conxunto e en mellorar as instalacións e os medios materiais cos que contan”.