O BNG pide ao Concello de Ourense que apoie a Plataforma en defensa do tren da Gudiña

O voceiro do BNG no Concello de Ourense, Xosé Luís Seara Fernández, presentou unha proposta para que o Goberno local manifeste o seu respaldo á Plataforma en defensa do tren da Gudiña, recentemente constituída como resposta á supresión de varios servizos ferroviarios diarios nesta estación.
A plataforma, formada por alcaldes, asociacións e veciños da zona, reclama a recuperación das frecuencias eliminadas, en especial os trens de primeira hora da mañá e última da tarde, tanto en dirección Madrid como cara a cidades galegas como Ourense, Santiago, A Coruña ou Vigo.
A estación da Gudiña, explica Seara, é un punto estratéxico de acceso á rede de alta velocidade e dá servizo a comarcas como Valdeorras ou Monterrei, así como ao Bierzo e mesmo a zonas do norte de Portugal. En 2024, máis de 40.000 persoas fixeron uso desta infraestrutura.
Dada a súa relevancia para a mobilidade e o desenvolvemento da provincia, o BNG solicita que o Concello de Ourense impulse unha declaración institucional consensuada cos demais grupos municipais. A intención é lela no pleno ordinario do vindeiro 1 de agosto, como mostra de apoio ás demandas da plataforma e aos colectivos que a integran.