O BNG pide ao Goberno de Jácome que aclare a situación do edificio dos Franciscanos

OurenseXa
Esixen a convocatoria urxente da Mesa polo Desenvolvemento Urbano Sostibl para resolver esta situación que leva anos enquistada
grupo-municipal-bng-ourense
30 Jun 2025

O Grupo municipal do BNG presentará no próximo Pleno unha proposta para que o Goberno Local de Ourense convoque de forma urxente a Mesa polo Desenvolvemento Urbano Sostible co fin de esclarecer todas as dúbidas sobre o coñecido como edificio dos Franciscanos, situado na rúa Cardenal Quevedo nº1.

Os nacionalistas lembran que esta Mesa, creada polo Concello o pasado mes de febreiro, ten como obxectivo servir de espazo de comunicación e análise para resolver cuestións relacionadas co urbanismo da cidade. Por iso, piden que nela comparezan tanto os técnicos municipais implicados como os promotores do inmoble.

Segundo o portavoz municipal do BNG, Luís Seara, “as reiteradas manifestacións verquidas polos promotores en diferentes medios de comunicación nas que se cuestiona o funcionamento e mesmo se fala de prácticas corruptas na Concellería de Urbanismo, afectan á imaxe e a credibilidade de todo o Concello no seu conxunto” e engade, “as acusacións a técnicos municipais e a Concelleiras e Concelleiros, son da suficiente gravidade como para que desde o Goberno Local se tivesen adoptado as medidas legais oportunas para a defensa dos intereses, da imaxe e da honorabilidade da institución”.

Á vista dos feitos, para o BNG semella pertinente que se convoque a Mesa polo Desenvolvemento Urbano Sostible co obxectivo de “poñerlle fin a esta situación e evitar que as denuncias públicas sigan menoscabando a imaxe da institución ou podan supor no futuro, o pago de indenmizacións millonarias ás que terá que facer fronte o Concello no caso de que a xustiza puidera estimar as pretensións dos promotores”.

⚙ Configurar cookies
0.16668009757996