O BNG pide explicacións á Xunta por "dopar" cun millón de euros á Fundación San Rosendo
A deputada do BNG por Ourense Noa Presas, sinala que o Grupo Parlamentar do BNG vén de rexistrar varias iniciativas no Parlamento galego para pedir explicacións sobre a decisión adoptada polo Consello da Xunta de destinar un millón de euros “a dedo” á Fundación San Rosendo para un Convenio do que “non se coñece o contido, non están claros os criterios e funcións nin como se vai avaliar ademais de discriminar a outras empresas e institucións”.
Presas afirma que “o BNG demanda explicacións do último dedazo do Partido Popular” ante a falta de transparencia e sinala como particularmente escandaloso que “estannos dicindo que un Convenio para fomentar o uso de 1.300 persoas custa un millón de euros cando, por exemplo, o programa “Benestar en Balnearios” da propia Xunta beneficia a case o mesmo número, 1.235 usuarias e custa tres veces menos, 300.000 euros”.
A formación nacionalista afirma que “sorprende tal anuncio ao non definir pormenorizádemete os obxectivos nin a relación con outros programas que existen para o sector e que aparentemente coliden así como a mestura de conceptos sinalados na comunicación pública, ademais de que se escuda na Estratexia de Turismo de Galicia 2024-2030 que aínda non foi aprobada e publicada pese a levar un ano anunciándose”.
Para o BNG isto é “absolutamente escandaloso e os recursos dos galegos e galegas non están para que o Partido Popular pague os favores de empresas privadas, o termalismo é algo moi serio, é un sector absolutamente estratéxico para Ourense e hai outras empresas e institucións que tamén merecen ser apoiadas” e engaden, “demandamos transparencia e que este tipo de cuestións sexan sempre mediante procesos competitivos que permitan ver os criterios e prioridades e unha boa xestión dos recursos públicos”.