Piden o cese inmediato do Concelleiro de Urbanismo de Ourense tras coñecerse o atestado do seu accidente
O Portavoz municipal Luís Seara, esixiu esta mañá o cese inmediato do Concelleiro de Urbanismo do Concello de Ourense e a dimisión do Concelleiro de Seguridade. Desde o Grupo municipal do BNG entenden que coñecido parte do atestado policial relativo o accidente sufrido por Francisco Lorenzo “faise imposible a súa continuidade na Corporación municipal” polo que esixen a súa “dimisión ou cese inmediato”. Ao tempo, esixen igualmente a dimisión do Concelleiro de Seguridade Cidadá por “ter ocultado os feitos sendo coñecedor dos mesmos”.
O seu Portavoz Luís Seara lembra que “de xeito reiterado temos pedido información ao Concelleiro de Seguridade Cidadá sobre o acontecido e máis recentemente sobre cales eran as conclusións do atestado e ao longo de todos estes meses o único que se nos deron foron escusas e evasivas”, e engade, “agora, coñecido parte do informe sabemos o porqué”.
Seara fai referencia a parte do atestado coñecido no día de hoxe e no que se relata como os familiares máis directos de Lorenzo, logo de éste se dera á fuga tras o accidente, impediron que os axentes actuantes o puideran entrevistar no seu propio domicilio xa que “saíra de festa cuns amigos e bebera en exceso”. No atestado recóllese que os pais de Lorenzo “non foron nada colaboradores, entorpecendo coa súa negativa a entrevista co seu fillo”.
Para o Grupo municipal do BNG o máis importante e motivo polo cal piden a dimisión ou o cese inmediato de Lorenzo é polo feito de que “os axentes actuantes conclúen que conducía baixo os efectos do alcol e con manifesto desprezo á vida dos demais”. Luís Seara é rotundo ao afirmar que “é absolutamente inxustificable e non pode permanecer no seu posto nin un minuto máis polo que ou ben presenta a súa dimisión ou o Alcalde está obrigado a cesalo de inmediato”.
Desde a formación nacionalista tamén solicitan a dimisión do Concelleiro de Seguridade Cidadá, Antonio Fernández xa que, “ao longo de todo este tempo no que desde a Oposición se pediron explicacións sobre o acontecido e mesmo coñecer cales eran as conclusións do atestado, o único que recibimos foron escusas, evasivas ou silencio. Agora entendemos os motivos o que o convirte en cómplice dunha conducta absolutamente indefendible”.
No BNG teñen claro que o Alcalde Gonzalo Pérez Jácome “é igualmente cómplice pois estamos seguros que coñecía o acontecido desde o primeiro momento e non tivo o valor, non sabemos porqué aínda que o podemos intuir, de cesar a Lorenzo en todo este tempo pese a uns feitos de extrema gravidade xa que todas e todos coñecemos as consecuencias que ten conducir baixo os efectos do alcol”.
Os socialistas piden explicacións por parte do alcalde
Dende o grupo municipal socialista sinalan que, ante as informacións publicadas sobre o suposto accidente vial do edil de Urbanismo no Concello de Ourense, Francisco Lorenzo, tanto o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, como o propio concelleiro deberían ofrecer explicacións sobre o acontecido.
Denuncian, ademais e tal e como afirma a portavoz do PSdeG, Natalia González, a ocultación de información ao respecto por parte do executivo local ao solicitar en Xuntas de Área e por rexistro a mesma e non terse facilitado. “Reclamamos explicacións públicas a Jácome e ao seu concelleiro. E, de confirmarse o sucedido, entendemos que o único camiño é o de formalizar a súa dimisión inmediata e pedir desculpas ante a gravidade dos feitos e a súa condición de cargo público na Administración local”, sostén a socialista.
“Trátase dunha cuestión de coherencia, ética e responsabilidade. Independentemente de que pertenza a un partido político sen normas como Democracia Orensana”, remata sobre o asunto.
Na mesma liña, o Partido Popular pide as explicacións precisas tanto ao concelleiro como ao rexedor, e aseguran que, de constatarse os feitos, pedirán a dimisión inmediata de Francisco Lorenzo.