O BNG propón incrementar o financiamento da universidade pública no Campus de Ourense
A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, avanza as propostas da formación nacionalista de cara ao 18-F para impulsar o financiamento da universidade pública e, en especial, para o Campus de Ourense. A organización nacionalista comprométese a incrementar o financiamento –para acadar 1,5% do PIB- e aumentar as titulacións universitarias, así como as especializacións no eido da investigación, especialmente aquelas que estean ligadas aos sectores produtivos e estratéxicos de Ourense. Por outra parte, Presas sinala a necesidade de solucionar o relevo xeracional no cadro de persoal e lembra o posicionamento do BNG contrario á creación da universidade privada ABANCA por, entre outras cousas, ofertar titulacións xa existentes na pública.
“A universidade pública porque xoga un papel esencial para unha sociedade máis xusta, igual e plural e, como ben sabemos en Ourense, un papel tamén no reequilibrio e na cohesión territorial” explica a cabeza de lista do BNG que, ademais, avanza que esta institución “ten que seguir cunha posición de liderado no ecosistema do coñecemento e a innovación do so país”.
Noa Presas mantivo unha reunión co vicerreitor e representantes dos diferentes equipos de decanato das facultades do Campus de Ourense para trasladar as propostas do BNG no eido universitario de cara ao 18-F. A cabeza de lista estivo acompañada polos candidatos, Iago Tabarés e Elena Añel, así como do deputado provincial, Xosé Manuel Puga, e o portavoz municipal, Luis Seara.
Compromiso de incrementar o financiamento e blindar a investigación
O actual sistema de financiamento universitario, explica Presas, non garante os gastos correntes que son os mínimos para o funcionamento e sostemento do persoal docente e investigador. A estes problemas estruturais súmaselle a política aplicada polo PP sobre todo na época de crise financeira que aínda continúa a mostrarse.
“Entendemos, desde o BNG, que debemos impulsar un novo plan de financiamento universitario que garanta fondos públicos suficientes ao Sistema Universitario Galego que teña como referencia acadar 1,5% do PIB” avanza Presas. Neste sentido, a cabeza de lista engade que este sistema defendido polo BNG de cara ao 18F contempla un fondo basal de investigación co obxectivo de “ligar liñas específicas para o sostemento da investigación básica, esa investigación que non é por proxectos ou de aplicación inmediata. Soster a ciencia básica”.
Discriminación positiva para o Campus da Auga
“A partir do 18-F aplicaremos unha política de discriminación positiva para campus como o de Ourense e mesmo avanzaremos, aproveitando a especialización e fortalezas deste campus, na oferta académica do SUG, cara á completa titulacións do sistema” promete Presas. Polo tanto, subliñou, existe un compromiso do BNG para non reducir a oferta educativa e rebaixar o número mínimo de prazas –xa que actualmente o Campus de Ourense ten o requisito de 45- senón que “se blindarán estas e impulsaranse novas titulacións e especializacións de investigación que o reforcen, especialmente ligadas aos sectores produtivos”.