O BNG reclama ao Goberno actuacións urxentes para mellorar a liña ferroviaria entre Guillarei e Ourense

OurenseXa
Os nacionalistas piden garantir a competitividade e seguridade desta infraestrutura
Néstor Rego
Néstor Rego
3 Feb 2025

O deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Néstor Rego, adscrito ao Grupo Parlamentar Mixto, presentou unha serie de preguntas ao Goberno para a súa resposta por escrito en relación ao estado da liña ferroviaria entre Guillarei e Ourense. O BNG reclama accións urxentes de mantemento e modernización para garantir a competitividade e seguridade desta infraestrutura.

Os recentes temporais de vento e chuvia, en particular a borrasca Herminia, evidenciaron a vulnerabilidade das infraestruturas ferroviarias máis antigas en Galicia, segundo denuncia a formación nacionalista. Rego sinala que a falta de mantemento adecuado provocou a suspensión da circulación en tres liñas ferroviarias galegas durante a pasada semana. Un dos tramos máis afectados foi a conexión entre Ourense e Guillarei, unha infraestrutura obsoleta que require unha modernización integral e actuacións urxentes de mantemento para evitar interrupcións en situacións meteorolóxicas adversas.

Entre os problemas detectados, o BNG denuncia o habitual derrubamento de noiros, a caída de árbores, pedras e terras sobre as vías. Durante o último temporal producíronse dous cortes significativos: un pola caída dunha árbore entre Barbantes e Ribadavia, que obrigou a un tren de media distancia a retroceder para permitir o transbordo de pasaxeiros, e outro por un derrubamento de pedras e terra entre Arbo e As Neves, que afectou a un tren de mercadorías.

En contraste, o BNG destaca que no tramo da mesma liña máis próximo a Vigo xa se iniciaron obras de mellora e modernización. O pasado 30 de decembro de 2024, o Ministerio de Transportes adxudicou por 32,75 millóns de euros un contrato para modernizar a vía de tren entre Redondela e Vigo Guíxar. Esta actuación contempla a construción dun novo apeadeiro en Chapela, unha pasarela peonil sobre as vías, e melloras na estación de Vigo-Guíxar e no túnel de Vigo.

Ante esta situación, o BNG formula ao Goberno unha serie de preguntas para clarificar as accións previstas e insta ao Goberno a tomar medidas urxentes para garantir a seguridade e o correcto funcionamento desta infraestrutura ferroviaria estratéxica, que consideran clave para o desenvolvemento do transporte ferroviario en Galicia.

0.17640399932861