O BNG reclama explicacións ao Concello de Ourense tras saír á luz un presunto escándalo urbanístico en Celanova

O BNG esixe transparencia despois dunha publicación realizada polo diario La Región que saca á luz un posible caso de corrupción urbanística en Celanova que involucraría, presuntamente, a funcionarios do Concello de Ourense. A noticia revela un caso de presunta corrupción e favoritismo relacionado coa urbanización Coutada-Guadix, que apunta a un presunto conflito de intereses na tramitación e aprobación de licenzas desta urbanización.
Esta denuncia provocou a alarma no BNG, que avanza que solicitará na próxima Xunta de Área de Urbanismo “que se aborde monográficamente e se dean explicacións sobre o que está acontecendo nesta Concellería”.
Para o BNG resulta chamativo que “as persoas nomeadas”, ás que fai referencia a información publicada, “ademais de ocupar postos de gran relevancia dentro da Concellería de Urbanismo, figuran tamén noutros casos urbanísticos de gran relevancia social, xudicializados e que poden ter importantes repercusións económicas para as arcas municipais”.
Os nacionalistas lembran que xa no seu día promoveron unha Comisión de investigación en relación ao edificio dos Franciscanos que, segundo sinalan, “pechouse en falso”. Para o BNG “non deixa de sorprender que noutros asuntos que están a ter gran relevancia social como é a recente reapertura da discoteca Desörden (antiga Macao), a adxudicación da redacción da Ordenanza relativa ás ECCOM ou do coñecido hoxe en relación a unha promoción urbanística en Celanova, sempre aparezan os mesmos nomes de altos funcionarios do Concello de Ourense, algún deles ascendido recentemente”.
O voceiro, Luis Seara, insiste en que dende o seu partido levan pedido ao longo de todo o ano 2025 “en cada Xunta de Área e mesmo no Pleno” que se facilite unha listaxe do persoal do Concello que teña solicitada e concedida algunha compatibilidade laboral xa que consideran que, segundo as últimas informacións, a situación resulta “moi preocupante”. “Reiteramos que é moi sorprendente que nas últimas semanas esteamos asistindo a informacións e a casos de dubidosa legalidade urbanística, xudicializados e nos que sempre aparecen os mesmos nomes”, di Seara.
Dende o BNG reclaman “máxima transparencia e información”, polo que din, “queremos que a próxima Xunta de Área de Urbanismo prevista para o martes 18 de novembro, aborde, monográficamente, esta situación e se nos dea resposta ás moitas interrogantes que hai neste momento no aire”.