O BNG recolle sinaturas para instar a Jácome a rectificar o novo mapa de liñas de autobuses

O Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense comezou este luns unha campaña de recollida de sinaturas para solicitar ao alcalde unha rectificación total da súa proposta do novo mapa de liñas e horarios do transporte público, tras o descontento xerado entre a cidadanía.
A campaña arrancou na parada de autobús da Alameda, na rúa do Progreso, e estenderase nos próximos días a outras paradas clave da cidade, como o Parque de San Lázaro, o CHUO, o campus universitario e a estación Intermodal.
O portavoz do BNG, Luís Seara, lembrou que a iniciativa xurde como consecuencia do crecente malestar das usuarias e usuarios. “Somos coñecedores de que existe un fondo malestar polo novo mapa de liñas e polos novos horarios xa que así no lo está facendo chegar moita veciñanza que pregunta con impotencia como pode facerlle chegar dito malestar ao Alcalde”, di o portavoz, que explica que o partido se ofrece a “ser esa canle de transmisión, estando onde nos sentimos máis cómodos, a pé de rúa, escoitando á xente e recollendo sinaturas para poder ir xunto ao Alcalde co aval de centos de veciñas e veciños que lle din non a súa proposta”.
Seara tamén sinalou que o novo mapa de liñas “empeora en moitos casos a conectividade que existía antes e desde logo non cumpre xa non soamente cos horarios establecidos nas novas liñas senón coas necesidades de boa parte da veciñanza”.
A recollida de sinaturas realízase mediante un modelo de queixa que calquera persoa pode asinar, no que se enumeran as deficiencias detectadas e se solicita ao alcalde unha rectificación completa do novo mapa e horarios, considerando que a proposta actual non responde ás necesidades da maioría da poboación e está a xerar problemas estruturais na mobilidade do municipio.