O BNG responsabiliza a Jácome da anulación do proceso de licitación do contrato de concesión do lixo

OurenseXa
Aseguran que o alcalde de Ourense sabía das deficiencias dos pregos antes do informe encargado a PwC “pois así o puxeran de manifesto previamente técnicos municipais”
Rhut Reza, Xosé Manuel Puga, Luís Seara e Erea Blanco
Grupo Municipal do BNG en Ourense
17 Feb 2025

O Portavoz do BNG no Concello Luís Seara, lembra que “non é o primeiro contratempo que sufre este Goberno, pois hai apenas dous meses, o Tribunal Administrativo de Contratación de Galiza (TACGal), anulou definitivamente os pregos do transporte público”, e engadiu, “a nós gústanos mergullarnos nos papeis, porque neles sempre se atopan cousas e por iso pedimos acceso ao expediente completo para revisalo, algo que fixemos”.

“Pasaron oito anos e o proceso de licitación vén de ser suspendido temporalmente e non será por que non llo advertiran ao alcalde”, sinala. Seara explica que En primeiro lugar, o Interventor, a través dun oficio de devolución, no que puña de manifesto a necesidade de adxuntar a relación de investimentos a realizar polo aduxicatario, de actualizar a Ordenanza municipal, de establecer un marco normativo adaptado á realidade actual, xa que a Ordenanza actual é do ano 1995 e de incluir o 50% para empresas de inserción laboral”.

O Portavoz do BNG deixou claro que en contra do manifestado polo alcalde nas últimas horas, “como non lle gustou o que lle dixo o Interventor, pediulle un informe á súa consultora de cabeceira PwC, que é a que elaborou os pregos, pensando que lle ía dar a razón, e aquí é onde se produce a gran novidade, dado que é a consultora a que aconsella, cos argumentos do Interventor, parar a licitación”.

E é que segundo sinalan os nacionalistas, no informe elaborado pola consultora, esta asume “case por completo” as teses defendidas pola Intervención. A propia consultora dí que é necesario actualizar a Ordenanza, que o 50% da recollida do textil ten que estar reservada a centros de inserción laboral así como da necesidade de contar previamente con novos colectores de lixo.

Luís Seara quixo facer unha referencia expresa aos novos colectores de lixo. Segundo afirmou, “o 29 de setembro de 2022 a Xunta de Goberno Local, aprobou o expediente para contratar o subministro de contedores de carga lateral e en superficie, destinados á recollida de residuos sólidos urbanos, envases lixeiros, papel-cartón, vidro e biorresiduos, cun orzamento total de 3.498.412,50 de euros”.

“Nós opuxémonos porque estimamos que era mellor que fosen parte da licitación e que fora a adxudicataria a que os tivera que mercar, pois xa coñecemos o que aconteceu coa compra dos novos autobuses por parte do Concello, nomeadamente cos Busitos. Concorreron dúas empresas, unha de Ourense e outra de Madrid e o 11 de abril de 2023 adxudícaselle a Contenur S.L.. Levouse a Pleno unha modificación orzamentaria, específica para iso, que non saiu adiante. No 2024 aprobouse de novo en Xunta de Goberno Local esa mesma modificación pero, por unha razón que podo intuír, non se levou a Pleno”.

Retomando o fío, o Grupo municipal do BNG pregúntase o motivo polo cal “continuaron cara adiante, facendo caso omiso as recomendacións dos técnicos e da propia consultora”. E é que varias entidades interpuxeron recurso solicitando a suspensión cautelar do procedemento de contratación, medida aceitada polo TACGal. “A pesares do que dí a consultora, o Alcalde decidiu tirar para adiante coa licitación, sabendo que tiña todas as papeletas para que fora impugnada e quedara en suspenso, como así aconteceu”.

Ante todo o exposto con anterioridade, Luís Seara e o BNG entenden preciso levar a Pleno a “actualización do Regulamento de Servizo de abastecemento de auga e da limpeza viaria e recollida de residuos urbanos xa que semella que o único obxectivo pretendido é o incremento da recadación obviando a máis que necesaria posta ao día da normativa que regulamenta eses servizos”.

“A mesma persoa que baixou o IBI, para beneficiar aos grandes tenedores de inmobles, agora quérelle facer pagar o pato á veciñanza, ao ver que está nunha situación límite porque fan falla ingresos” e finaliza, “as consecuencias desta forma de gobernar son obvias e teñen efectos, non soamente económicos pois ahí temos servizos precarios e pagos contiosos ás concesionarias por sentenza xudicial, incluídos xuros, senón tamén sociais, ao termos concesións obsoletas cuxos efectos para a veciñanza son máis que visibles”.

0.17035794258118