O BNG denuncia a "situación de caos e parálise sen precedente" do Concello de Ourense

OurenseXa
Os nacionalistas poñen como exemplo a última Trasferencia de Crédito realizada polo Executivo local na que se baleiran programas vinculados á xuventude e ao voluntariado para dotar de crédito a próxima festa do Samaín
Rhut Reza, Xosé Manuel Puga, Luís Seara e Erea Blanco
21 Out 2024

“Que a xestión levada a cabo polo Goberno liderado por Gonzalo Pérez Jácome está sumindo ao Concello de Ourense nunha situación de caos e parálise sen precedente é algo que o Grupo municipal do BNG vén advertindo desde hai meses”, asegura a Concelleira Rhut Reza, quen sinala que “esta situación pon en risco a estabilidade económica do Concello e en consecuencia a normalidade na prestación dos servizos públicos, nomeadamente de aqueles vinculados aos colectivos máis vulnerábeis”.

Reza é clara ao afirmar que “a falta de planificación na acción de Goberno, a falta dun proxecto claro e definido sobre o que se quere facer e o establecemento das prioridades que ao noso entender é erróneo, están a provocar unha situación de colapso sin precedentes que pode ter serias consecuencias no futuro”, e engade, “se a isto lle engadimos un Goberno en minoría e con nula capacidade de diálogo, a parálise municipal é máis que evidente”.

Desde o Grupo municipal do BNG toman como exemplo do anteriormente exposto a última Transferencia de Crédito realizada por parte do Goberno Local como “exemplo de cales son realmente as súas prioridades pois ao tempo que pechan as canchas deportivas para a mocidade polas noites ou os parques infantís, baleiran de contido as partidas adicadas a programas de actividades xuvenís, o programa de actividades para a mocidade na Ponte ou o programa de voluntariado, co único obxectivo de poder facer fronte á festa do Samaín, o único para o que traballan”.

E é que no Decreto de Transferencia de Crédito 016-T/24 ao que fan referencia desde o BNG, desvíanse 10.000 euros da partida de reparacións, mantemento, conservación e material do Espazo Lusquiños, 18.000 euros da programación do edificio da mocidade da Ponte, 25.000 euros de programas e actividades xuvenís e 13.000 euros dos programas de voluntariado. En total 66.000 euros “que pasan á partida de actividades culturais e festivas ou o que é o mesmo, á partida adicada a sufragar a próxima festa”.

“Non se desenvolve ningunha das actividades previstas nesas partidas e neses programas, non se lle ofrece á xuventude de Ourense ningunha alternativa de ocio ou de formación e o que se fai é, con absoluto descaro, baleirar ditas partidas, acreditando ter unha nula capacidade de xestión e tendo como obxectivo pagar o único que este Goberno lle ofrece aos nosos mozos e mozas, festas e macrobotellóns”.

0.16658091545105