O BNG traslada as propostas en materia deportiva aos clubs deportivos de Ourense
A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, acompañada polo número 2 da candidatura, Iago Tabarés, e representantes institucionais da formación nacionalista manteñen unha reunión con representantes de diferentes clubs deportivos de Ourense. O obxecto da reunión foi trasladar as principais medidas que a organización nacionalista defende de cara ao 18F e avanzar, máis unha vez, o seu compromiso co mundo do deporte.
Colaboración institucional, financiamento e infraestruturas
“Defendemos impulsar a colaboración cos concellos para implantar un modelo que vertebre as actuacións conxuntas en materia deportiva para garantir a existencia de escolas deportivas municipais e a participación dos centros de ensino no deporte en idade escolar e ampliar a rede de base” afirma Presas. Así mesmo, un goberno liderado polo BNG “defenderá o traspaso da xestión dos fondos públicos e as subvencións en materia de fomento deportivo e infraestrutura deportiva destinados ao noso País, transferindo directamente os fondos do Consello Superior de Deportes, co fin de garantir unha maior eficacia e equidade na súa distribución”.
Alén do máis, a organizaicón nacionalista comprométese a implantar un plan coordinado de instalacións e infraestruturas deportivas públicas que elimine duplicidades e que teña en conta a demanda real da actividade deportiva. “Queremos elaborar o Rexistro e o Plan de Instalacións Deportivas de Galiza, dacordo co previsto na Lei do deporte de Galiza” sinala Presas. Así mesmo, exemplifica a mala xestión da Xunta de Galiza co deporte ourensá no caso da reforma do Estadio do Couto que, actualmente, continúa se estar totalmente operativo por causa da mala planificación e os retrasos.
Igualdade e inclusión no deporte, tamén no de base
A organización nacionalista defende “potenciar o deporte en idade escolar dentro dos centros de ensino, así como impulsar a igualdade na actividade deportiva, rexeitando a visión androcéntrica que dificulta a participación das mulleres e facendo un especial esforzo na súa incorporación á práctica e á competición deportiva”. Neste sentido, a cabeza de lista avanza que promoverán unha lei de igualdade no deporte na que se incorpore a creación da Comisión Galega de Igualdade no Deporte para a proteccións das deportivas sobre ataques machistas e lgtbfóbicos, entre outras medidas como o Observatorio Galego da Igualdade no Deporte, protocolos específicos, plans de conciliación familiar e fomento da visibilidade do deporte feminino nos centros educativos e nos medios audiovisuais.
Por outra parte, o BNG procura implantar programas deportivos, tanto lúdicos como competitivos, para persoas con diversidade funcional, fomentando a integración en todos os eventos deportivos que se desenvolvan no noso territorio.
Galiza: marca de calidade no eido deportivo
“Un goberno do BNG asegurará a participación das seleccións deportivas galegas en competicións internacionais e a representación das federacións deportivas galegas nos organismos deportivos internacionais de forma directa” comprométese Presas. Ademais, procurarán fomentar a creación e o fortalecemento de clubs deportivos galegos profesionais de referencia en modalidades deportivas que contan cunha gran base practicante, que sirvan de estímulo e espello a crianzas que se inician na práctica deportiva.
Por outra parte, comprométense a potenciar os centros de alto rendemento deportivo, que proporcione ao noso país de servizos de tecnificación deportiva avanzada e axustada á realidade galega evitando en grande medida a emigración de deportistas.