O BNG urxe á Xunta de Galiza á mellora dos Centros de menores de Monteledo e Montefiz

OurenseXa
Os nacionalistas sinalan a necesidade de recuperar a “xestión directa dos Centros, de incrementar as prazas, a execución de reformas nas instalacións "
Iago Tabarés, deputado por Ourensejpg
5 Xuño 2024

O deputado por Ourense do BNG Iago Tabarés, ven de rexistrar unha iniciativa no Parlamento galego cuxo obxectivo non é outro que “a mellora, moi necesaria, dos Centros de Internamento de menores Monteledo e Montefiz e cumprir deste xeito co establecido na lexislación vixente, concretamente na Lei Orgánica 5/2000, de 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores”.

E é que desde o Grupo parlamentar do BNG sinalan que “actualmente na Galiza só existe un centro específico para a execución de medidas de tratamento terapéutico en réxime pechado, o Centro de Menores de Atención Especializada Montefiz, en Ourense”, e engaden, “as prazas das que dispón o centro Montefiz non son abondas para acoller a todos os menores suxeitos a medidas de internamento terapéutico, polo que se están a producir casos nos que teñen que ser derivados a outros Centros, como por exemplo Monteledo, que carecen dos medios e recursos para a eficaz execución das medidas impostas”.

Segundo Iago Tabarés e como consecuencia do anterior, “existen casos nos que transcorre o tempo de cumprimento da medida sen que se estea a realizar o tratamento necesario polo que difícilmente se van acadar os obxectivos propostos, existindo o risco de que o internamento poda agravar os problemas que provocaron o ingreso”.

Outra das preocupacións dos nacionalistas é a referida ao estado das instalacións. “o estado do Centro de Monteledo, ao que se están a derivar os menores con medidas de internamento terapéutico por falla de prazas en Monfefiz, é deficiente. Falta de climatización e calefacción en boa parte das habitacións, cancha deportivas con pavimento de grava, mal estado dos aseos, ou interrupcións no sistema de subministración eléctrica, deficiencias denunciadas polo propio Comité de empresa que mesmo provocaron a protesta de varios menores internados”.

Ao tempo, Tabarés pón o foco na situación na que se atopa o persoal dos Centros, sinalando que “as ratios do persoal encargado da atención e tratamento dos menores e as súas condicións laborais e salariais contribúen á precarización do funcionamento do sistema, dificultando a consecuencia dos obxectivos pretendidos na imposición das medidas, algo ante o que a Xunta de Galiza, titular da competencia, está a amosar unha inaceptable pasividade”.

Diante desta grave situación e ante a xa mencionada pasividade do executivo galego é polo que desde o BNG solicitan vía parlamentar, “a xestión directa dos Centros de internamento de menores. Con carácter inmediato, o incremento das prazas de internamento, nomeadamente de carácter terapéutico. A reforma das instalacións dos Centros Monteledo e Montefiz e o aumento das ratios do persoal de atención e tratamento de menores e as melloras nas súas condicións laborais”.

0.16978597640991