O BNG urxe á Xunta de Galiza o remate inmediato das obras na rúa da Granxa
O BNG vén de esixirlle á Xunta de Galicia que remate de forma inmediata das obras na rúa da Granxa, en Ourense. O deputado Iago Tabarés lembra que “hai meses, desde o Grupo parlamentario do BNG, denunciabamos o abandono e a falla de mantemento, mesmo en extremos tan básicos como os que se refiren á seguridade viaria, das vías da titularidade da Xunta de Galiza dentro do termo municipal do Concello de Ourense”.
Entre as rúas de titularidade autonómica que presentaban peor estado estaba a rúa da Granxa, na que nos últimos meses e anos se tiñan producido un importante número de accidentes, atropelos incluídos, con feridos de consideración e mesmo con consecuencias letais.
A insistencia veciñal, tanto directamente como por medio das e dos representantes institucionais, levou á Xunta de Galiza a asumir as súas responsabilidades e promover a realización de obras que, como se reclamaba, permitan o uso da rúa, tanto viario como peonil, en condicións de seguridade. A renovación do firme, a eliminación das fochancas, o acondicionamento das beirarrúas, o incremento dos pasos de peón e a mellora da sinalización constituían actuacións necesarias e urxentes para reducir os riscos do uso da vía.
Mais o certo é que, tal e como sinala Tabarés, “transcorridos oito meses do inicio das obras demandadas, a incompleta execución das mesmas esta a agravar a situación de perigo para as e os usuarios da estrada. Actualmente, e desde hai tempo, a rúa atópase sen delimitación dos carrís de circulación, sen pasos de peóns durante varios quilómetros da vía, e mesmo sen a recuperación de rotondas”, ao que engade, “a paralización ou ralentización extraordinaria da execución das obras está a provocar un importante incremento do risco de siniestralidade viaria que esixe a inmediata conclusión das mesmas nos termos indicados”.
Diante desta situación e ante a falla de información por parte da Xunta de Galiza, desde o Grupo parlamentar do BNG no Pazo do Hórreo sinalan que, a través dunha proposición non de Lei rexistrada o luns 15 de abril, instarán á Xunta, vía Parlamento, “a que con carácter inmediato e sen maior dilación, proceda a total execución das obras de humanización, acondicionamento e mellora da seguridade viaria e peonil na rúa da Granxa en Ourense.”