O BNG urxe solucións ante o inminente remate do servizo comedor sobre rodas

OurenseXa
A formación nacionalista denuncia que o comedor sobre rodas deixará de prestar servizo o próximo 27 de marzo e que deixará ás e aos usuarios “sen comer en plena Semana Santa”
ruth_reza_bng_ou
Rhut Reza, Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense
22 Mar 2024

O pasado 15 de marzo, o Grupo municipal do BNG alertaba de que o Concello de Ourense estaba chamando ás e aos usuarios do servizo comedor sobre rodas para comunicarlles que a partir do mércores 27 de marzo deixábase de prestar dito servizo.

A Concelleira nacionalista Rhut Reza, sinalaba entón que “con esta chamadas compróbase unha vez máis a falta de total e absoluta de planificación do actual Goberno Local pois coñecían que o contrato coa empresa que presta actualmente o servizo a un total de 60 persoas, cifra que por outra banda foi minguando ano a ano xa que chegou a ter preto de 200 usuarias e usuarios, remata a finais deste mesmo mes”.

Reza afeáballe ao Executivo local que, “recorta de novo en Servizos Socias, deixando de lado ás veciñas e veciños máis vulnerábeis ao tempo que gasta centos de miles de euros en orquestras e festas”, ao tempo que urxía a que “rectifique, que manteña a prestación do servizo ás persoas usuarias e que non as deixe tiradas”.

Pois ben, segundo argumentan desde o BNG, “ao longo destes días estivémonos interesando por coñecer cales son os pasos que está a dar o Goberno Local para solucionar o problema xa que a partir do próximo mércores, en plena Semana Santa, van deixar sen comer ás e aos usuarios do servizo froito dunha nefasta planificación e dunha falta total e absoluta de sensibilidade”.

É é que segundo afirma Rhut Reza, “o que se nos di é que alomenos o servizo vai estar dous meses sen prestarse, sen ofrecer ningunha alternativa ás e aos usuarios. Van permitir que persoas fundamentalmente maiores e dependentes, estean dous meses sen comer. É inadmisible”.

Desde a formación nacionalista urxen ao Goberno Local a que “adopte todas as medidas que sexan precisas pero non podemos chegar ao día 27 e deixar ás e aos usuarios tirados e sen comida. O Concello ten desde finais de xaneiro enriba da mesa a posibilidade de asinar un convenio co Consorcio Galego de Benestar para a prestación do servizo a través do programa xantar na casa, pedímoslle que o efectivice xa”.

0.14907598495483