O BNG volverá a solicitar no Parlamento de Galicia a xestión pública e directa do CAPD de Ourense
Noa Presas e Iago Tabarés, deputada e deputado do BNG no Parlamento de Galicia, compareceron esta mañá en rolda de prensa para dar conta da PNL rexistrada e que será obxecto de debate no Pleno que o Pazo do Hórreo ten previsto desenvolver a semana que vén.
Noa Presas sinalou que o obxectivo é que o Parlamento “vote unha Proposta clara e concisa que recolle a demanda da sociedade ourensá, a demanda das familias e da Plataforma ProCAPD e a demanda de numerosos concellos e institucións como a Deputación ou o Concello de Ourense. Que a xestión sexa pública e directa, a través de empregados e empregadas a cargo da Xunta de Galiza, sen subterfuxios que disfracen de público o que é en realidade unha privatización”.
Segundo a deputada nacionalista, “estamos falando de dereitos e estamos falando de acabar cunha das discriminacións históricas das comarcas de Ourense. Nós non temos aínda o que xa teñen A Coruña, Lugo ou Pontevedra desde hai décadas, un Centro público para a atención de persoas con discapacidade maiores de 21 anos” e engade, “ foi a presión social a que fixo que hoxe teñamos un CAPD próximo a abrirse. Anos de mobilizacións sociais, manifestacións históricas na cidade de Ourense e máis de 50.000 sinaturas”.
Presas lembrou que xa en setembro de 2016, hai 8 anos, e no medio da campaña electoral, “as persoas que éramos candidatas dos nosos partidos, tamén o PP, asinamos un compromiso. O CAPD será público e de xestión pública, atendido por empregados públicos. Iso foi o que asinamos todas as forzas políticas que hoxe temos representación no Parlamento Galego”. Malia o compromiso asinado, Noa Presas lamentou que o PP, “Incumpriu longamente o que prometera, avanzaron un proxecto inicial que non se correspondía coas demandas das familias e a sociedade Ourensá tivo que saír de novo á rúa nunha histórica manifestación en febreiro de 2017”.
Noa Presas continuou facendo un breve percorrido temporal, destacando o feito de que, “en 2022 o BNG destapou que a obra estaba paralizada pola suba de prezos e a Xunta estivo máis de medio ano ocultando esta paralización ás familias e sen actuar mentres outras obras públicas continuaban ou eran licitadas de novo, tempo no que por certo, si abriu un Centro de discapacidade privado”.
“Prometeron que o CAPD estaría aberto en xaneiro de 2024 e un ano despois vemos que non foi certo mais o peor de todo é que tras anos de espera e tras non contestar en outubro de 2024 ao BNG no Parlamento nin ás familias, a Xunta aprobou pola calada, e no medio do nadal, a privatización práctica deste Centro. Non se atreveron a ofertalo directamente ás súas empresas amigas, como si fixeron cos Centros de crise para vítimas de violencia sexual ou con outros servizos de política social, pero estamos ante unha trampa tal e como están a denunciar as familias”.
Presas e Tabarés incidiron no apoio do BNG ás familias, salientando o “agradecemento á plataforma ProCAPD polo seu traballo” ao tempo que lle piden valentía ao PP, alegando que “se votan unha cousa nas institucións de Ourense, que van votar no Parlamento Galego?”.
“Ourense xa é a parte do país na que hai unha maior ratio de prazas privadas de residencias de maiores, en 15 anos de goberno do Partido Popular non abriu unha soa residencia de xestión pública en todo Ourense. Sanidade avanza na privatización da Área sanitaria e mesmo un demoledor informe do Consello de Contas alerta diso”. A maior abastanza, Noa Presas recordou que “Política Social pechou durante anos o Centro de menores de Montealegre, que era público e de xestión directa, para privatizalo despois de gastar case tres millóns de euros en reformalo”.
Para o BNG, “esta é a folla de servizos dun Partido Popular que usa os cartos dos galegos para construír tarde, mal e arrastras infraestruturas que despois privatiza e que di unha cousa en Ourense e a contraria en Santiago. Non imos consentir que pase o mesmo co CAPD, son moitos anos de loita, moitos anos de sufrimento de moitas persoas e xogámonos dereitos, dereitos que teñen noutras partes do país e que en Ourense tamén merecemos”, e conclúen, “por iso o próximo mércores votarase esta iniciativa esixindo que o CAPD sexa de xestión pública e directa e que haxa unha rectificación por parte da Xunta”.