Ourense presenta o campionato 'Fresh Designs Breaking Battle'
As pistas exteriores do Pavillón dos Remedios acollerán este sábado, 15 de xuño, o campionato internacional de breaking Fresh Designs Breaking Battle, organizado pola agrupación de breaking ourensá Fresh Designs Crew en colaboración co Concello de Ourense e a empresa Xogón. Trátase dun evento organizado co obxectivo de dar a coñecer este deporte, que este verán será olímpico por primeira vez, e a súa cultura, ao tempo que promover esta actividade entre a mocidade ourensá.
O campionato, en formato de batalla, desenvolverase desde as 4 da tarde até as 9 da noite e contará coa participación de figuras de relevancia estatal e mundial, entre eles deportistas tan prestixiosos como a portuguesa Bgirl Vanessa ou o suízo Daniel, que participarán nos Xogos Olímpicos de París 2024, e varios integrantes da selección española, xunto con talentos locais, como a deportista da crew ourensá Alicia Babarro (Bgirl MiniAli), de 13 anos, que é a actual campioa de España de Breaking en categoría Youth feminina. O certame desenvolverase en batallas de 2 contra 2 na categoría absoluta, na que están inscritos 60 participantes, e de 1 contra 1 na categoría infantil (de 5 a 16 anos). Haberá premios de até 2.000 euros
A competición nace coa vocación de converterse nun fito na escena do Breaking, coa participación de destacados competidores e xuíces internacionais e colaboración de talentos locais, na que promete ser unha xornada chea de talento, espectáculo e emoción.