O Campus Auga lanza a sétima edición dos seus Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica

OurenseXa
O certame busca recoñecer a labor do persoal investigador que contribúe a consolidar o campus como líder nestas temáticas
Premios Campus Auga 2025
Premios Campus Auga 2025
5 Sep 2025

O Campus Auga de Ourense, proxecto de especialización da Universidade de Vigo respaldado pola Xunta de Galicia, abriu a sétima edición dos seus Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica. A iniciativa ten como finalidade “contribuir con eles a mellorar a proxección investigadora e social do campus de Ourense-Campus Auga como un campus líder nestas temáticas”, explican desde a institución, e busca recoñecer a labor do persoal docente, investigador e do alumnado que destaca na investigación, na transferencia de coñecemento e na divulgación científica.

Os premios están dirixidos ao persoal docente e investigador en activo da Universidade de Vigo e ao alumnado matriculado nos cursos 2022-2023 e 2023-2024 que cumpra os requisitos de cada modalidade. A convocatoria abarca cinco ámbitos de recoñecemento: os traballos fin de grao e de máster máis destacados, as teses de doutoramento con achegas relevantes, as contribucións científicas de alto impacto, os resultados de transferencia derivados de patentes, produtos ou servizos comercializados, e as accións de divulgación científica que difundan o coñecemento xerado no Campus Auga.

Cada unha das modalidades, agás a de divulgación, organízase en torno a tres temáticas principais: alimentación funcional, agricultura e medio ambiente, e xestión da auga. Os premios contan cunha dotación económica que alcanza ata 12.000 euros, financiada mediante o convenio asinado entre a Universidade de Vigo e a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia, e todos os galardoados recibirán ademais un diploma acreditativo.

O prazo de presentación de candidaturas permanecerá aberto do 1 ao 12 de setembro de 2025. Con esta convocatoria, o Campus Auga reforza a súa proxección académica e científica, promovendo a excelencia na investigación e na transferencia e poñendo en valor o talento e a innovación que se desenvolven en Ourense.

⚙ Configurar cookies
0.17264008522034