O Campus Auga pechou o pasado curso cun grao de execución superior ao 100%

O Campus Auga pechou 2025 cun grao de execución superior ao 100%, segundo informou o vicerreitor do campus de Ourense, Francisco Javier Rodríguez, na primeira sesión ordinaria do Consello de Campus celebrada este martes. Esta reunión serviu tamén para repasar os avances en investigación e docencia da Universidade de Vigo (UVigo).
Rodríguez destacou que as accións previstas para 2025 levaronse a cabo cun cumprimento moi superior ao esperado, alcanzando e superando o 100% en todas as áreas. O orzamento executado rondou o millón de euros, case na súa totalidade. Entre os logros en gobernanza, mencionou a creación de novos órganos consultivos, un novo Plan Estratéxico e un Sistema de Xestión da Calidade. En docencia, implementáronse novos dobres graos e un mestrado en Economía Circular, ademais de fomentar titulacións propias e convocatorias de bolsas. Tamén se realizaron múltiples actividades de difusión para estudantes preuniversitarios.
Pola súa banda, o reitor Manuel Reigosa valorou positivamente os resultados e lembrou que “estamos a traballar para que o seguinte plan de financiamento sexa mellor e nos acheguemos ao 1% que marca a LOSU”. Ademais, sinalou as oportunidades que traerá o acordo co Celta de Vigo para crear un centro adscrito con novas titulacións, sen solaparse coas existentes.
Respecto á Facultade de Medicina, Reigosa sinalou que, tras a sinatura do convenio para a descentralización completa dos cursos de 4º, 5º e 6º, prevista para o curso 2029/2030, “seguimos coa folla de ruta”. Detallou que xa traballa unha comisión de seguimento, con grupos centrados na regulación xurídica das unidades docentes e na planificación da contratación de profesorado, financiada con fondos adicionais da Xunta de Galicia sen custo para a universidade.
No ámbito da investigación, a vicerreitora Belén Rubio repasou os avances na creación de institutos, incremento de proxectos e financiamento, e o aumento de contratos e proxectos de transferencia, e destacou tamén a importancia da Oficina de Proxectos Internacionais, creada en 2019, que impulsou notablemente a actividade investigadora.