Desde este venres, o campus de Ourense presenta A pel. Epílogo, unha proposta fotográfica comisariada por Xosé Lois Vázquez que reúne dúas exposicións complementarias: Da aparencia á aparición, de Xabier Fernández, e Bestiario de Femias, de Gabriela Rivera. As obras están expostas na Sala Alterarte e no Paseo da Igualdade, respectivamente, como parte do ciclo expositivo Reciprocidade, iniciado o pasado curso baixo a coordinación de Javier Blanco Sierra.
Vázquez explica que esta iniciativa reflexiona sobre o concepto da pel, abordado desde perspectivas innovadoras e cun enfoque crítico sobre cuestións actuais como a vida, a morte e a violencia de xénero. Ambas as exposicións combinan fotografía con outros recursos artísticos, mantendo a centralidade da imaxe pero explorando novas linguaxes e significados.
Xabier Fernández, habitual do Festival Internacional Outono Fotográfico, utiliza as súas obras para convidar aos espectadores a ler entre liñas, revelando significados que van máis alá das aparencias. Pola súa banda, Gabriela Rivera, finalista do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, denuncia a través das súas pezas o uso de termos despectivos cara ás mulleres e a crueldade asociada a certos materiais, como peles e despoxos, que emprega para crear impactantes máscaras cargadas de simbolismo.
Esta mostra, ademais, representa a última contribución de Xosé Lois Vázquez como organizador no marco do festival Outono Fotográfico, co que colaborou durante décadas e que logrou ampliar a súa presenza a máis de 20 localidades de Galicia e Portugal.