O Campus de Ourense acolle a feira científica e divulgativa eXXperimenta en Feminino
Este venres 16 de febreiro o campus de Ourense acolle unha nova edición, a sétima, da feira científica e divulgativa eXXperimenta en Feminino. A iniciativa une un amplo colectivo de persoal investigador da Facultade de Ciencias, a Escola Superior de Enxeñaría Informática, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Escola Universitaria de Enfermaría co obxectivo de visibilizar o papel da muller no eido CTEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas) e atraer vocacións científicas a el, principalmente entre as nenas e rapazas.
Postos con experimentos
Nesta edición, "eXXperimenta en Feminino. VII Xornada de Divulgación en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas" conta co apoio da Vicerreitoría do Campus de Ourense, dos centros do campus implicados, das unidades de Igualdade e Cultura Científica da UVigo e da Consellaría de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta. "O seu obxectivo principal é difundir e promover as vocacións científicas e tecnolóxicas no ámbito das ciencias, as tecnoloxías, as enxeñarías e as matemáticas” e “difundir entre nenas e nenos o papel que teñen as mulleres nestas disciplinas, que vexan que as mulleres fan e poden facer ciencia e tecnoloxía”, sinalan dende a organización.
A feira desenvolverase de 10.00 a 18.00 h no edificio Politécnico do campus e na súa contorna. Haberá 14 postos con actividades científicas de carácter visual e manipulativo nas que se expón a investigación realizada nas diferentes áreas CTEM do campus. En cada mesa farase, con liderado de mulleres, un ou varios experimentos coa participación do alumnado asistente. Pola mañá participarán máis de 300 estudantes de 5º e 6º de Primaria, ESO e 1º de Bacharelato procedentes de oito centros da provincia de Ourense e arredores. Xa pola tarde, a partir das 15.00 h, a feira estará aberta ao público en xeral que se queira achegar ao campus.