O campus de Ourense acolle a mostra 'Enredadas no cambio'

OurenseXa
A mostra, centrada “en mulleres emprendedoras referentes en Perú, Colombia, Nicaragua, Bolivia e España", poderá visitarse ata o 11 de xuño no Edificio de Ferro
Imaxe da Mostra 'Enredadaas no tempo'
Imaxe da Mostra 'Enredadaas no tempo'
22 Maio 2024

A primeira planta do Edificio de Ferro do campus de Ourense acolle a exposición fotográfica de Taller de Solidaridad 'Enredadas no cambio', que poderá visitarse ata o 11 de xuño e que está centrada “en mulleres emprendedoras referentes en Perú, Colombia, Nicaragua, Bolivia e España”.

A exposición foi inaugurada este martes e poderá visitarse ata o 11 de xuño. Na apertura, explican desde a UVigo, destacouse que os testemuños recollidos son os de sete mulleres que, partindo dunha situación moi desfavorable, sacaron adiante proxectos emprendedores co apoio da citada oenegué e que non só mudaron a súa vida, senón a das súas familias e comunidades, converténdose en referentes para outras mulleres que “buscan un futuro mellor fomentando o desenvolvemento local, a economía social e o consumo responsable”.

A través de 48 fotografías as persoas interesadas poden coñecer nesta mostra os obstáculos e os retos que afrontaron estas mulleres, como camiñaron para cambiar as súas historias e as das súas comunidades. Trátase, indican desde as creadoras da mostra, de “historias que cobran vida a través da mirada compartida das fotógrafas e fotógrafos que acompañaron a estas mulleres no seu día a día”. Entre elas está a perruqueira e estilista Ivonsabel Zambrano, participante do proxecto de cooperación internacional Emprendamos, impulsado por Taller de Solidaridad en Medellín, Colombia. Na súa intervención na apertura da mostra, destacou o proceso de empoderamento que supuxo para ela emprender e participar neste proxecto.

0.40550398826599