O campus de Ourense acolle un curso internacional de Yang Taichi

Desde este xoves e ata o domingo 4 de maio, o pavillón deportivo do campus de Ourense será o escenario dun curso internacional de Taichi, centrado no estilo Yang, o máis practicado e difundido a nivel mundial. O encargado de impartir a formación será o mestre Fu Qing Quan, recoñecido como a máxima autoridade deste estilo, e espérase a participación duns cen persoas procedentes de nove países.
O curso foi presentado este mércores nun acto no que participaron Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Rodrigo Alberte, responsable da Área de Benestar, Saúde e Deporte do campus; Ana Fernández, concelleira de Transporte Público e Mobilidade; Manuel Pérez, xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia en Ourense; e José Gago, da Escola Dinamic, entidade promotora e organizadora do evento. Todos eles destacaron a importancia da colaboración institucional para facer posible unha iniciativa deste nivel, así como a relevancia de acoller unha cita internacional de primeiro nivel. “Teremos un curso do máis alto nivel mundial. O mestre que nos visita é a máxima autoridade en representación deste deporte en China”, sinalou José Gago.
Yang Taichi con espada e Tui Shou
O seminario centrarase na práctica do Yang Taichi con espada e Tui Shou, e será dirixido por Fu Qing Quan, oitavo Dan e representante da sexta xeración da familia Yang. Segundo indica a organización, “foi educado desde neno para ser o máximo representante mundial do Yang Taichi polo seu avó, o gran mestre Fu Zhong Wuen, e polo seu pai, o gran mestre Fu Sheng Yuan”. Mestre de referencia internacional, tanto el como o seu pai manteñen unha estreita relación con Galicia desde o ano 2000, impartindo regularmente cursos na comunidade e en Ourense. Desde a organización subliñan que “esta edición será un gran acontecemento deportivo, pero tamén unha oportunidade de proxección internacional para Ourense”.
O mestre estará acompañado por 13 profesores e alumnos chegados de China e Xapón, que ademais do seminario realizarán unha ruta por Ourense, Galicia e o resto de España. Tamén estarán representados outros países como Chile, Arxentina, Canadá, Francia, Portugal, Malta e España, reunindo a un centenar de asistentes, na súa maioría docentes especializados neste estilo de Taichi.
“O nivel dos nosos profesores e atletas en Taichi é o máis alto en España e Europa, como acaban de demostrar, unha vez máis, Agar Gago e Ezequiel, no Campionato Internacional de Ámsterdam a pasada fin de semana, onde conseguiron dúas medallas de prata e unha de bronce cada un. Este nivel débese principalmente ás ensinanzas dos mestres Fu”, conclúen desde a organización.