O campus de Ourense acollerá en marzo as II Xornadas sobre Termalismo: Auga, Saúde e Coñecemento

O campus de Ourense celebrará os días 18 e 25 de marzo as II Xornadas sobre Termalismo, un evento que reunirá especialistas de diversas áreas para presentar as súas investigacións relacionadas co uso terapéutico da auga termal. As sesións terán lugar no edificio Politécnico e contarán cun programa multidisciplinar que abarca aspectos científicos, históricos e sociais do termalismo.
O comité organizador está integrado por profesorado da Escola Universitaria de Enfermaría de Ourense, centro adscrito á Universidade de Vigo. Entre os seus membros destacan Mª Milagros Fernández, directora da escola, e as docentes Mª Reyes Pérez, Natalia Ólida Fariñas e Miriam Vázquez. Durante a presentación, Mª Milagros Fernández subliñou o carácter multidisciplinar das xornadas, que abordan o termalismo desde ámbitos como a enfermaría, as ciencias, a historia e a antropoloxía. Pola súa banda, Mª Reyes Pérez destacou o valor da investigación realizada nesta área e o interese en continuar promovendo estes encontros tras o éxito da primeira edición, que reuniu a unhas 200 persoas.
O vicerreitor do campus de Ourense, Francisco Javier Rodríguez, salientou a relevancia do termalismo dentro do proxecto Campus Auga, unha das liñas de especialización do campus apoiadas e financiadas pola Xunta de Galicia.
A inscrición é gratuíta e estará aberta desde o 2 ata o 17 de marzo de 2026, ata cubrir o aforo dispoñible. Existen dúas modalidades para apuntarse: unha destinada a profesionais sanitarios, coa opción de que a actividade sexa baremable para as listas de contratación do Sergas, e outra para o público xeral interesado.