O Campus de Ourense acolleu a II Xornada anual sobre políticas alimentarias
O campus de Ourense acolleu este venres a celebración da II Xornada anual sobre políticas alimentarias, baixo o título Seguridade alimentaria “da granxa á mesa”. A cita, organizada polo grupo de investigación da Facultade de Ciencias deste campus "Food and Health Omics", presentouse como “un punto de encontro entre os distintos axentes da cadea alimentaria no que expor a súa experiencia no ámbito da seguridade alimentaria”, contando coa asistencia de arredor de 170 persoas.
A xornada estivo coordinada polas profesoras e investigadoras Raquel Rial, Beatriz Cancho, Elena Martínez e Carmen González. Na súa inauguración, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, lembrou que a seguridade alimentaria constitúe unha área de traballo prioritaria do campus Auga, o campus de especialización de Ourense. Nun mundo que afronta desafíos crecentes relacionados co cambio climático, comentou, a degradación dos recursos naturais, os conflitos e as crises económicas ameazan a dispoñibilidade e o acceso a alimentos seguros e nutritivos para todos, sinalan dende o campus de Ourenses. Neste contexto, o responsable académico afirmou que “este evento supón unha oportunidade para compartir coñecementos, experiencias e mellores prácticas, así como para identificar solucións innovadoras e colaborativas que reforcen a nosa capacidade para afrontar os retos da seguridade alimentaria”.