O campus de Ourense acolleu unha xuntanza internacional sobre sustentabilidade nas redes loxísticas da UE

OurenseXa
Socios de oito países reuníronse para facer balance do proxecto europeo SARIL, que investiga como afrontar eventos disruptivos como incendios ou ciberataques
membros-proxecto-saril
Membros do proxecto
24 May 2025

O campus de Ourense converteuse esta semana nun punto de encontro clave para o futuro da loxística europea. Representantes de 15 entidades de oito países, participantes no proxecto europeo SARIL, déronse cita na cidade para avaliar o progreso desta iniciativa que busca fortalecer a sustentabilidade e a resiliencia das redes de transporte e infraestruturas fronte a situacións críticas como pandemias, incendios ou ciberataques.

A xuntanza desenvolveuse entre o martes e o venres na Biblioteca Rosalía de Castro do campus, e contou coa participación dunha trintena de especialistas procedentes de universidades, centros de investigación e grandes empresas. O acto de benvida correu a cargo do vicerreitor do campus de Ourense, Francisco Javier Rodríguez, quen destacou a importancia académica e o impacto social deste tipo de proxectos.

SARIL (Sustainability and Resilience for Infrastructure and Logistics Networks) é unha iniciativa financiada polo programa Horizonte Europa cun orzamento próximo aos catro millóns de euros, dos cales 282.000 correspóndense coa achega da Universidade de Vigo. O proxecto arrancou en xuño de 2023 e ten como obxectivo desenvolver ferramentas e metodoloxías para anticiparse e responder con eficiencia a eventos disruptivos que afecten ás redes de transporte.

Durante a reunión, os socios compartiron os avances acadados na fase de simulación e comezaron a preparar a etapa de validación dos seus modelos, que será liderada pola UVigo no último ano de execución do proxecto.

Os responsables do proxecto lembraron que a pandemia da COVID-19, o bloqueo do Canal de Suez ou a guerra de Ucraína evidenciaron a fraxilidade das actuais cadeas de subministración. A isto súmanse os efectos crecientes do cambio climático, con fenómenos como as ondas de calor ou os incendios forestais, que poñen en perigo o funcionamento normal das redes de transporte.

Por iso, SARIL traballa con tres escenarios diferenciados: un rexional, centrado en eventos locais combinados con ciberataques; un nacional, enfocado en desastres naturais como os incendios; e un europeo, analizando o impacto de conflitos ou pandemias a gran escala sobre o transporte marítimo e terrestre.

A contribución da UVigo

A Universidade de Vigo participa activamente a través dun equipo encabezado por Higinio González e composto tamén por Raquel Ortega e Gonzalo Durán, da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e do Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais (Ifcae). Estes investigadores están a desenvolver modelos dixitais baseados en datos xeoespaciais para predicir como eventos como incendios forestais poden afectar ás vías de transporte, especialmente ao ferrocarril e ás estradas.

Concretamente, o equipo da UVigo participante traballa en algoritmos xeoespaciais para predicir perturbacións inducidas por eventos climáticos extremos. “Actualmente existe unha gran cantidade de información xeoespacial que proporciona datos interesantes que poden ser útiles para modelar redes de transporte e estimar como poden verse afectadas por perturbacións climáticas. Estes datos proveñen principalmente de satélites de observación ou de sensores in situ, sendo quizais as máis coñecidas as redes de estacións meteorolóxicas”, apuntan. A xestión destes datos combinada con algoritmos de xestión forestal e predición meteorolóxica/climatolóxica será, segundo indica o equipo investigador, de grande interese para analizar no futuro como un evento climático extremo (como unha onda de calor que provoca un incendio forestal debido á seca e ao mal manexo da vexetación) pode influír na rede loxística e contribuír a acelerar a recuperación.

“Nós centrámonos en estudar as disrupcións derivadas de catástrofes naturais, fundamentalmente incendios forestais”, explica Higinio González. O investigador da UVigo sinala que na súa parte do proxecto xa conseguiron desenvolver un modelo dixital que, tomando datos das vías de transporte (fundamentalmente ferrocarril e estradas) e das características da contorna (se hai poboación ou non, o tipo de masa forestal, como está conservada esa masa forestal, etc.), permite ver como se propaga un incendio forestal e avaliar a probabilidade de que haxa ou non afectación da vía ferroviaria. “O modelo dixital xa está desenvolvido e no que nos queda de proxecto vamos transferir este modelo a outras rexións e validalo con datos físicos tomados en campo”, apunta.

Co proxecto previsto para rematar en xuño de 2026, SARIL aspira a deixar como legado ferramentas prácticas que poidan ser empregadas por administracións, empresas e responsables políticos para garantir cadeas loxísticas máis sostibles, seguras e preparadas para o futuro.

⚙ Configurar cookies
0.16729402542114