O campus de Ourense adiantou a celebración das Letras Galegas cunha homenaxe ao papel das mulleres na cultura galega

OurenseXa
Baixo o título ‘De Rosalía ás cantareiras: as letras galegas con voz de muller’, puxéronse en valor as cantareiras, pandeireteiras e regueifeiras dentro da cultura popular
campus-ourense-letras-galegas
Imaxe do acto polas Letras Galegas no campus de Ourense
11 May 2025

Este ano, o Día das Letras Galegas, que se celebra o 17 de maio, está dedicado á poesía oral tradicional. Neste contexto, o campus de Ourense organizou esta semana o acto ‘De Rosalía ás cantareiras: as letras galegas con voz de muller’, unha actividade centrada en recoñecer a achega das mulleres —cantareiras, pandeireteiras e regueifeiras— á cultura galega e en reivindicar a importancia da transmisión oral entre xeracións.

Durante a presentación, o vicerreitor do campus, Francisco Javier Rodríguez, destacou a dobre reivindicación deste ano: a lingua galega e o protagonismo feminino na súa preservación. Animou ao alumnado a comprometerse co uso diario do galego, máis alá dos actos simbólicos. Pola súa banda, Ana Iglesias, profesora da Facultade de Educación e Traballo Social, salientou a responsabilidade das futuras mestras e mestres como modelos lingüísticos fundamentais para a infancia.

O acto contou coa conferencia de Cristina Asenjo, profesora e música, quen repasou a traxectoria das mulleres homenaxeadas este ano, subliñando o seu papel clave na conservación da lingua galega en tempos difíciles. Tamén fixo referencia ao labor da musicóloga suíza Dorothé Schubarth na recollida da música tradicional galega, e valorou a revitalización actual deste patrimonio a través de grupos como Tanxugueiras.

O alumnado dos graos en Educación Infantil e Primaria participou activamente, interpretando a Pandeirada de Doade xunto coa profesora Lucía Casal. A programación completouse cunha mesa redonda sobre os cantares tradicionais galegos e as actuacións do grupo de pandeireteiras Xúa e das regueifeiras Branca Trigo e Silvia Villar.

⚙ Configurar cookies
0.15876388549805