O Campus de Ourense amosa o seu apoio ao pobo palestino a través dunha exposición

O campus de Ourense acolle desde esta semana a exposición “Mapa de evacuación de Gaza”, do artista palestino Mohammed Al-Haj, co obxectivo de visibilizar o impacto dos desprazamentos forzados no pobo palestino e a súa resiliencia. A mostra, instalada no Paseo da Igualdade, ao carón do estanque universitario, permanecerá aberta ao público ata o 30 de novembro.
A colección, cedida polos museos de Palestina nos Estados Unidos e en Edimburgo, está composta por unha vintena de obras, impresas sobre lonas e instaladas en módulos metálicos. As pezas, creadas por Al-Haj na propia franxa de Gaza, amosan con cores expresivas e retratos emotivos o medo, a ansiedade e o terror que acompañan as evacuacións forzadas, reflexionando sobre o custo emocional para as persoas desprazadas e para a sociedade palestina no seu conxunto.
A iniciativa conta co apoio da Deputación Provincial de Ourense e da asociación cultural Radio Liverdade. A inauguración tivo lugar este mércores, coa presenza do vicerreitor do campus, Francisco Javier Rodríguez, e de Alfonso Cid, de Radio Liverdade, acompañados da actuación do coro infantil do campus.
Mohammed Al-Haj, nado en Gaza en 1982, é descendente dunha familia desprazada durante a Nakba de 1948. A súa obra aborda a relación entre as persoas e a terra, o exilio e a identidade palestina, incorporando elementos do folclore e símbolos como o kufiya. Al-Haj participou na 59ª Bienal de Venecia en 2022 e na exposición Foreigners in Their Homelanden 2024, aínda que a súa obra foi destruída nun bombardeo. A pesar disto, segue creando, incluído o seu proxecto máis recente, Abu Keffiyeh (2025), centrado na fragmentación e identidade do pobo palestino en Gaza.
A exposición convida o público a reflexionar sobre a historia de desprazamento en Palestina, establecendo paralelismos entre pasado e presente, e sobre a capacidade de resistencia do pobo palestino en medio do conflito continuo.