O Campus de Ourense comeza os trámites para a construcción do novo edificio de Aeroespacial

OurenseXa
“Estamos agora mesmo facendo algunhas modificacións e preparando o prego para que se comece a construír o antes posible”, afirma o reitor da UVigo, Manuel Reigosa
consello_campus_ourense
Consello do Campus de Ourense
11 Mar 2024

O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, informou na sesión ordinaria do Consello do Campus de Ourense sobre o procedemento para a construción do novo edificio de Aeroespacial. “Estamos agora mesmo facendo algunhas modificacións e preparando o prego para que se comece a construír o antes posible”, afirma o reitor. O responsable académico tamén falou de cuestións que afectan ao conxunto da universidade, como as novidades nas convocatorias da Xunta de Galicia para a captación e retención de talento.

O encontro tivo como protagonista principal o Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado o pasado mes por parte da Xunta de Galicia. Na sesión, os membros deste órgano coñeceron as liñas xerais da folla de ruta para o seu desenvolvemento este ano.

“A de hoxe é unha sesión rutineira na que vimos a informar sobre cousas que están en marcha e que interesa que o Consello de Campus coñeza de primeira man”, comentou Manuel Reigosa antes do inicio da xuntanza. Entre estes temas, indicou, estiveron os relacionados coa posta en marcha da acreditación do Campus Auga, tras a publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta pola que se acredita como campus de especialización do Sistema Universitario de Galicia.

“Estamos moi satisfeitos do traballo feito para acadar esta acreditación. Eu creo que vai a supor un antes e un despois para o campus de Ourense e que vai a significar unha mudanza para todo el, non só para as titulacións que están relacionadas directamente co Campus Auga”, afirmou o responsable académico. Así, lembrou que acadar esta acreditación conleva “un millón de euros anuais durante os tres vindeiros anos, o cal creo que nos vai a permitir facer moitas actividades, que estarán previstas no convenio que asinaremos coa Xunta de Galicia”. Acadado este recoñecemento, Manuel Reigosa quixo “agradecer o traballo que fixeron todas as forzas vivas deste campus ao longo de todo este tempo e que finalmente culminou con este éxito”.

Foi Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, o encargado de expor ante os membros do Consello de Campus unha panorámica desta acreditación e da folla de ruta a seguir para o seu desenvolvemento os vindeiros anos e especialmente neste 2024. O vicerreitor lembrou que as liñas de especialización do Campus Auga céntranse na xestión da auga termal; na agricultura e medio ambiente; na alimentación funcional e en áreas de soporte (como son a intelixencia artificial, economía circular e lexislación). Igualmente fixo un repaso polas titulacións de grao, mestrado e doutoramento e polos grupos de investigación e o Instituto de Agroecoloxía e Alimentación que xa sustentan na actualidade estas liñas.

O vicerreitor expuxo en liñas xerais as actuacións previstas en gobernanza, docencia, investigación e transferencia e innovación que recolle a acreditación do Campus Auga. Así, no eido da gobernanza enumerou aspectos como fortalecer a estrutura de goberno e en docencia a posta en marcha dos coñecidos como dobres graos, citando, entre outros, os de Enxeñaría Agraria-Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e Enxeñaría Agraria-Ciencias Ambientais. No eido da investigación, Francisco Javier Rodríguez comentou medidas que se contemplan como o fortalecemento das infraestruturas e en transferencia e innovación a elaboración dunha carteira de servizos.

0.16491103172302