O Campus de Ourense conmemora o Día da Terra cunha exposición

OurenseXa
A través dun decálogo de boas práticas, da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense propón pequenas accións diarias para coidar o medio ambiente
inauguracion-expo-dia-da-terra-campus-ourense
27 Apr 2025

Ata finais de maio, na entrada do Edificio de Ferro poderá visitarse a exposición Que fas ti polo medio ambiente?. Nesta mostra, o alumnado de segundo e terceiro curso do Grao de Educación Social da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense presenta decálogos con pequenas accións diarias para coidar o medio ambiente.

A exposición foi inaugurada esta semana coincidindo co Día Internacional da Terra, nun acto presidido por Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Isabel Mociño, decana da Facultade de Educación e Traballo Social; e Ángel Manuel Vázquez Dorrío, profesor coordinador da actividade. Segundo os organizadores, a iniciativa pretende sensibilizar ao alumnado, á comunidade universitaria e á poboación en xeral sobre os problemas ambientais que afectan ao planeta, e que tamén teñen repercusións directas nas nosas vidas. Tamén busca ofrecer información e ideas prácticas para quen queira reducir o seu impacto ambiental no día a día.

Os materiais que conforman a exposición foron elaborados polo alumnado na materia de Educación Ambiental para o Desenvolvemento Sostible, impartida por Ángel Manuel Vázquez Dorrío. Cada un dos 55 carteis da mostra presenta, de maneira sinxela e visual, diferentes suxestións para incorporar hábitos sostibles na vida cotiá. As accións propostas inclúen medidas para reducir o consumo, aforrar enerxía, utilizar medios de transporte máis ecolóxicos ou practicar compostaxe. A través deste traballo, os estudantes non só melloraron a súa propia concienciación ambiental, senón que tamén queren compartir estas aprendizaxes coa comunidade universitaria e coa cidadanía en xeral.

⚙ Configurar cookies
0.14769887924194