O Campus de Ourense contará cun título propio especializado en auga, termalismo e saúde

A Universidade de Vigo, a través do Centro de Posgrao e Formación Permanente e da Facultade de Ciencias, porá en marcha no curso académico 2025/2026 un título propio especializado en Auga, Termalismo e Saúde. Esta iniciativa ofrece unha formación integral sobre os beneficios terapéuticos e cosméticos das augas minerais-medicinais e termais.
O programa insírese no marco do Campus Auga, un proxecto de especialización do campus de Ourense, recoñecido e financiado pola Xunta de Galicia, que sitúa a cidade como referente en investigación, educación e desenvolvemento relacionados cos recursos hídricos e termais.
Dirixido polas profesoras e investigadoras Mª Inmaculada Franco e María José Pérez, o curso estrutúrase en módulos que abarcan desde os aspectos xeolóxicos e microbiolóxicos da auga ata a súa aplicación no tratamento de diversas patoloxías. O primeiro módulo céntrase na hidroxeoloxía, a calidade e o control microbiolóxico e químico da auga, así como na lexislación vixente, impulsando a innovación no uso das augas termais. O segundo módulo aborda a dermocosmética, o uso da auga termal e a formulación de produtos para o coidado da pel. O terceiro dedícase a identificar patoloxías susceptibles de tratamento con terapias termais, como problemas reumáticos, dermatolóxicos, respiratorios e crónicos, ademais das técnicas de aplicación da auga.
Entre os obxectivos de aprendizaxe está formar especialistas no emprego dos recursos termais, comprendendo a importancia da auga na dinámica terrestre, a súa protección e valoración, a análise da súa calidade microbiolóxica e química, e o coñecemento das normativas aplicables. Ademais, o alumnado coñecerá os fundamentos da pel, os factores que afectan a saúde cutánea e as indicacións terapéuticas da auga segundo as súas características físico-químicas.
O curso combinará formación presencial e virtual, prácticas de laboratorio, visitas e prácticas en empresas do sector, o que permitirá ao alumnado aplicar os seus coñecementos en contornas reais. A formación presencial impartirase na Facultade de Ciencias do campus de Ourense, mentres que a parte virtual realizarase a través do Campus Remoto da Universidade de Vigo.
A duración do programa será desde setembro de 2025 ata xuño de 2026, cun total de 20 créditos ECTS, que inclúen 136 horas de docencia presencial e virtual, e 60 horas de prácticas en empresa.
Desde a organización destacan que esta formación prepara aos profesionais para traballar no ámbito da saúde e do benestar, potenciando o uso terapéutico e cosmético das augas termais. Ademais, subliñan o interese académico e profesional do curso, especialmente pola súa vinculación co Campus Auga de Ourense, e a relevancia da cidade como capital termal de Galicia, cunha rica tradición que atrae cada ano a miles de turistas e pacientes.