O campus de Ourense continúa aumentando o seu patrimonio arbóreo

O campus de Ourense celebrou esta semana o Día da Árbore coa plantación dunha cedeira Yoshino (Prunus x yedoensis) en honra á científica e Premio Nobel da Paz Wangari Muta Maathai. A iniciativa estivo organizada pola Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, coa colaboración do Centro de Posgrao e Formación Permanente, e contou coa participación de alumnado do Curso de Formación Superior para o Emprego e a Vida Autónoma, da Delegación de Alumnado desta facultade, do Colexio Plurilingüe Cardenal Cisneros de Ourense e membros da comunidade universitaria. Durante o acto tamén se realizaron lecturas de poemas de Rosalía de Castro sobre a primavera.
“Esta árbore que hoxe plantamos é símbolo de vida, pero tamén de compromiso, xustiza e igualdade. Seguimos o exemplo e camiño de Wangari, e facémolo inspirados pola nosa propia tradición e pola mirada sobre a natureza presente na obra de Rosalía de Castro”, indicou a profesora María Isabel Diéguez na apertura da homenaxe.
A docente subliñou que a cedeira se plantou “en homenaxe a Wangari Muta Maathai, unha muller excepcional coñecida como mamá árbore que en 2004 se converteu na primeira muller africana en recibir o Premio Nobel da Paz. Ecoloxista, activista, política e científica, foi tamén un referente do feminismo ao situar ás mulleres no centro da defensa do medio ambiente e da xustiza social”.
Diéguez lembrou que Maathai naceu en Kenia en 1940, “nun contexto onde poucas mulleres podían estudar” e que logrou converterse “na primeira muller de África central e oriental en doutorarse, transformando esa oportunidade nun compromiso colectivo”. A homenaxeada, sinalou, “escoitou ás mulleres rurais, que sufrían a desertización, a falta de auga, leña e recursos, e impulsou unha solución tan sinxela como poderosa: plantar árbores, conservar as sementes, armar viveiros e crear vida, o que proporcionaba independencia económica a estas mulleres”.
No acto, ao que asistiu Jesús Vázquez, decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, resaltouse que Wangari Muta Maathai conseguiu converter “un xesto pequeno nun movemento global, o movemento cinto verde que a día de hoxe supera os 51 millóns de árbores plantadas, demostrando que a defensa da terra é tamén unha loita pola igualdade”.