O campus de Ourense convoca o X Concurso de Creación Artística do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

Ata o próximo 25 de xaneiro está aberto o prazo para que o alumnado de Educación Primaria e Secundaria dos centros educativos da provincia de Ourense se inscriba no X Concurso de Creación Artística convocado con motivo do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Esta iniciativa é promovida pola Facultade de Ciencias, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, e a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense, co apoio da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo.
O principal obxectivo do concurso é visibilizar o papel das mulleres na ciencia e na enxeñaría, así como chamar a atención do alumnado sobre estas áreas e a súa relevancia histórica e actual. Os organizadores destacan que o tema central ao que deben responder os traballos é “Que é para ti unha enxeñeira?”, e insisten en que as propostas deben axudar a coñecer as achegas, descubrimentos e figuras pioneiras e actuais do mundo da enxeñaría.
O certame está estruturado en dúas categorías – Educación Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria – e contempla dúas modalidades en cada unha: a visual e a literaria.
A entrega de premios está prevista para un acto en febreiro, en conmemoración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Haberá tres galardóns por cada categoría e modalidade, e os traballos premiados pasarán a formar parte do arquivo da organización, que contará cos dereitos de publicación cedidos polos autores e autoras.