O campus de Ourense convoca unha nova edición do concurso AeroVision, aberto a todas as persoas interesadas

OurenseXa
Para participar, as fotografías deben enviarse antes do 20 de marzo
aerovision-2026
1 Feb 2026

A Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense convoca a cuarta edición do concurso de fotografía AeroVision, unha iniciativa que se celebra con motivo do Día Internacional dos Voos Espaciais Tripulados e do Día da Cosmonáutica, que se conmemoran o 12 de abril.

O certame está aberto a persoas interesadas en presentar unha única fotografía orixinal e inédita, relacionada co mundo aeronáutico e/ou espacial. As imaxes poden ser en branco e negro ou en cor, realizadas con calquera técnica fotográfica, e deben mostrar escenas, paisaxes ou momentos vinculados a estes ámbitos.

Para participar, as fotografías deben enviarse antes do 20 de marzo de 2026 ás 23:59 horas ao correo aerovision@uvigo.es, cumprindo as condicións técnicas establecidas, como formato jpeg, tamaño máximo de 5 MB e resolución mínima de 200 ppp. Ademais, xunto co título e a autoría, debe acompañarse unha descrición de cinco liñas que explique a relación da imaxe coa temática do concurso.

Un xurado integrado por profesionais do sector aeronáutico e aeroespacial, así como expertos en fotografía e membros da Escola, seleccionará as obras gañadoras, que se darán a coñecer o 12 de abril. Os premios consistirán nun dron para o primeiro clasificado, un telescopio para o segundo e uns prismáticos para o terceiro.

As fotografías presentadas pasarán a ser propiedade exclusiva da Escola, polo que non poderán ser utilizadas polos autores en outros concursos ou publicación, e as obras premiadas serán expostas temporalmente nas instalacións do campus de Ourense.

⚙ Configurar cookies
0.083318948745728