O Campus de Ourense da a coñecer as imaxes gañadoras do certame Aerovisión 2024

OurenseXa
A Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense organizou este venres o seu I Foro Alumni
alumni_aero
Egresadas e egresados de Aeroespacial participantes no I Foro Alumni: Ángela Medín, Uxía García, Adrián Ferreiro, Cristina García e Alejandro Sanz
13 Apr 2024

Con motivo do 12 de abril, Día Internacional dos Voos Espaciais Tripulados, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense organizou este venres o seu I Foro Alumni, no que egresadas e egresados do centro volverán a el para contar as súas traxectorias profesionais e o traballo que actualmente realizan en diferentes entidades. Ademais no acto déronse a coñecer as imaxes gañadoras do certame desta escola Aerovisión 2024.

En primeira persoa

Neste I Foro Alumni participaron as e os titulados da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo Ángela Medín, enxeñeira de Sistemas Espaciais en Alén Space (GMV); Alejandro Sanz, enxeñeiro de Deseño en Mercedes-AMG Petronas Fórmula 1; Cristina García, enxeñeira de Cálculo en Aernnova Aerospace; Adrián Ferreiro, enxeñeiro Térmico Espacial en Sener Aeroespacial, e Uxía García, investigadora de AtlanTTic, na Universidade de Vigo. Na benvida, Nieves Lorenzo, directora da escola, destacou o orgullo que supón para o centro ver a cada unha das súas promocións desenvolverse profesionalmente e agradeceu a participación no foro destes egresados e egresadas.

Na súa intervención, a viguesa Cristina García, titulada da primeira promoción da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, explicou ao alumnado asistente a súa traxectoria “desde que afrontas ese momento de saír de aquí e preguntarte e agora que fago?” ata o seu traballo actual en Aernnova Aerospace. Nesta entidade, indicou, primeiro en Madrid e agora no País Vasco, traballa en cálculo analítico de pezas nun proxecto “grande e complexo” de conversión dun Airbus A330 de pasaxeiros a cargueiro. Moi contenta de volver ao campus de Ourense, destacou os bos recordos que ten da súa etapa nel e o seu desexo de transmitirlle ao alumnado actual unha visión real da profesión, no seu caso da enxeñaría de Cálculo.

Pola súa banda, Alejandro Sanz, egresado da segunda promoción, quixo trasladarlle ao alumnado, en base á súa traxectoria, como se pode chegar a traballar na Fórmula 1 en Mercedes. El faino en Inglaterra, ao norte de Oxford, no Motorsport Valley, como enxeñeiro de Deseño no Departamento de Aerodinámica, concretamente no grupo de alerón dianteiro. “O meu traballo consiste en deseñar tanto as superficies como as partes de túnel de vento que van ao modelo de túnel de vento de alí de Mercedes”, sinalou. Lembrando como desde pequeno “sempre me gustaron os coches e estudiei Aeroespacial interesado pola súa aerodinámica”, o egresado da UVigo subliñou como “o meu soño sempre foi chegar a onde estou” e animou ao alumnado presente a cumprir tamén os seus soños.

Premios fotográficos

No acto tamén se fixeron públicos os galardóns da segunda edición do certame Aerovisión, que convidaba a presentar as mellores imaxes do ámbito aeronáutico e/ou espacial. Presentáronse 26 propostas, agradecendo desde o centro a boa acollida que tivo a iniciativa. O primeiro premio foi para Ricardo Daniel Barbosa, pola fotografía Fuego de San Telmo; o segundo para Iago Manoel Souto, por Exploradores do Cosmos, e o terceiro para Mónica Vila, por Helicóptero. Os premios, dotados respectivamente cun dron, un telescopio e uns prismáticos, serán entregados aos seus autores e autora no acto de graduación da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo en xuño.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.19095206260681