O campus de Ourense e Cruz Vermella conmemoraron o Día Internacional das Persoas Maiores

O campus universitario de Ourense sumouse este mércores, 1 de outubro, á celebración do Día Internacional das Persoas Maiores cunha xornada organizada en colaboración con Cruz Vermella. A iniciativa, titulada ‘Pisando as aulas’, reuniu a 80 usuarias da entidade social que tiveron a oportunidade de coñecer as instalacións universitarias e participar en diferentes propostas divulgativas e de lecer.
A acollida tivo lugar no Edificio de Ferro, onde o vicerreitor Francisco Javier Rodríguez destacou o carácter aberto e interxeracional da universidade, que cada vez conta con máis persoas de diferentes idades nas súas aulas. Nese sentido, animou ás participantes a interesarse polo Programa Universitario de Maiores, pensado para persoas de máis de 55 anos que desexen vivir unha experiencia académica adaptada ás súas necesidades.
Pola súa parte, a decana da Facultade de Educación e Traballo Social, Isabel Mociño, subliñou o valor que achega a convivencia interxeracional e lembrou a importancia de seguir aprendendo en todas as etapas da vida. Desde Cruz Vermella Ourense, o responsable provincial, Felipe Ferreiro, reivindicou que as persoas maiores non só deben aspirar a unha vida longa, senón tamén activa e acompañada.
O programa incluiu dúas conferencias: ‘Envellecemento saudable’, a cargo do profesor e presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía, José María Faílde, e ‘Persoas maiores: unha fonte de experiencia’, impartida pola directora de teatro e profesora de literatura Ángeles Álvarez. A xornada completouse cun percorrido libre polo campus e varios obradoiros dedicados á saúde, a xestión emocional e a animación cultural.