O campus de Ourense e o CEIP Mestre Vide colaborar para fomentar o galego entre os escolares

OurenseXa
O alumnado de Educación Primaria levou a cabo neste centro un proxecto educativo titulado 'Educar na diversidade, transformar a sociedade'
alumnado-campus-mestre-vide
Imaxe da actividade 'Educar na diversidade, transformar a sociedade'
6 Jun 2025

Estudantes do Grao de Educación Primaria da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense levaron a cabo durante este cuadrimestre o proxecto “Educar na diversidade, transformar a sociedade”, centrado na promoción da comunicación en galego e o seu fomento entre o alumnado escolar.

A iniciativa, unha das seleccionadas na convocatoria de proxectos de aprendizaxe-servizo 2024-2025 da Universidade de Vigo no marco da Axenda 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), estivo coordinada polas profesoras Ana María Iglesias e Mercedes González. O proxecto desenvolveuse nas materias Lingua galega e Lingua e literatura: galego, de segundo e terceiro curso, respectivamente.

O CEIP Mestre Vide foi o centro educativo colaborador, no que se traballou con alumnado de quinto e sexto de Educación Primaria. As docentes responsables cualificaron a experiencia como “moi enriquecedora na que uns e outros puidemos compartir e aprender”.

O proxecto desenvolveuse en dúas fases: inicialmente, o alumnado universitario preparou en aula pautas para unha comunicación efectiva en galego e deseñou actividades lúdicas como xogos, contacontos e dramatizacións teatrais. Posteriormente, trasladáronse ao CEIP Mestre Vide, onde impartiron varias sesións co alumnado, nas que practicaron habilidades comunicativas e realizaron dramatizacións sobre temas de actualidade de interese para os nenos e nenas.

Segundo as profesoras, esta experiencia permitiu aos futuros docentes desenvolver competencias comunicativas en galego e ser “conscientes da importancia da transmisión dunha mensaxe efectiva para que teña unha recepción positiva e significativa por parte do receptor”.

Destacan tamén que, “debido ao incremento do emprego das tecnoloxías, compróbase a crecente perda das habilidades comunicativas, destrezas fundamentais tanto no ámbito persoal coma no profesional e a nivel de sociedade. Un bo coñecemento e emprego destas facultades permitirá ao noso alumnado mellorar en moitos aspectos fundamentais”.

Ademais, subliñan que esta actividade achega “a riqueza que supón para o alumnado do Grao de Educación Primaria establecer unha conexión directa cos grupos de alumnos e alumnas de Educación Primaria do CEIP, o que lles outorga unha visión e experiencia de primeira man coa realidade da aula nos centros educativos”.

⚙ Configurar cookies
0.15762591362