O campus de Ourense inaugura unha mostra para conmemorar os 50 anos do descubrimento de Aquis Querquennis

OurenseXa
A exposición, que poderá verse ata o 30 de xaneiro na entrada da Biblioteca Rosalía de Castro, repasa as cinco décadas de traballo arqueolóxico neste xacemento
Xacemento romano de Aquis Querquennis
12 Dec 2025

Desde este venres e ata o 30 de xaneiro de 2026, a entrada da Biblioteca Rosalía de Castro do campus de Ourense acolle a mostra “50 anos de Aquis Querquennis. O forte militar romano mellor estudado da Hispania”, con motivo do 50 aniversario do descubrimento deste campamento romano e para poñer en valor a importancia histórica do lugar e o seu legado.

A exposición presenta unha recreación a escala dun campamento militar romano, similar ao orixinal localizado en Bande (Ourense), e repasa as cinco décadas de traballo arqueolóxico neste importante xacemento. Tras a súa instalación inicial no Centro de Interpretación Aquae Querquennae-Vía Nova, a mostra viaxa agora ao campus de Ourense para ampliar o seu alcance e seguir promovendo a divulgación do patrimonio.

A exposición está organizada pola Fundación Aquae Querquennae-Vía Nova e financiada pola Consellería de Cultura, coa colaboración da Vicerreitoría do campus, a exposición permite ao público descubrir o campamento coa súa estrutura, que inclúe as catro portas principais: Principalis Dextra, Decumana, Principalis Sinistra e Praetoria. Ademais, ofrece unha explicación sobre o motivo polo que o Imperio Romano construíu esta fortificación, a súa relación coa Vía Nova, e resume os avances arqueolóxicos realizados desde o seu descubrimento.

A mostra tamén destaca o papel da Fundación na conservación e difusión do xacemento, así como a produción científica xerada en torno a Aquis Querquennis, poñendo en valor os avances no coñecemento do mundo romano en Galicia e a relevancia deste proxecto dentro da investigación patrimonial europea.

⚙ Configurar cookies
0.083761930465698