O campus de Ourense oferta 13 obradoiros de extensión universitaria este cuadrimestre

OurenseXa
Abranguen temáticas que van desde o teatro e danza ata o uso sexualizado da droga e o mindfulness
Obradoiros_UVigo_Ourense
31 Jan 2024

A oferta de obradoiros de extensión universitaria do campus de Ourense, organizados pola súa vicerreitoría con financiamento da Deputación Provincial, volve á palestra este cuadrimestre. Desde o 5 ata o 16 de febreiro permanece aberta a inscrición, a través do Campus Activo da UVigo, nestes cursos, 13, que buscan complementar a formación do alumnado e da cidadanía. O prezo de matrícula é de 40 euros para o público xeral, 26 para a comunidade universitaria e 32 para outros colectivos vinculados á Universidade de Vigo. Están recoñecidos cun crédito ECTS por cada 30 horas de traballo.

Eido socioeducativo e científico

Boa parte das propostas nacen de profesorado da Facultade de Educación e Traballo Social. Entre as novidades está un obradoiro sobre o Uso sexualizado da droga (chemsex): Intervención no ámbito educativo e sociosanitario, dirixido pola catedrática María Lameiras. "O chemsex supón un uso sexualizado de drogas para facilitar ou mellorar a práctica sexual durante horas, mesmo días. A formación de profesionais sociosanitarios na detección e intervención desta problemática é necesaria para unha abordaxe multidisciplinar", salientan desde a súa organización da actividade. Outra incorporación novas é actividade formativa Non violencia: do pensamento á acción, que busca que o estudantado “coñeza o manexo dos procesos cognitivos básicos no proceso da información e a súa mediación nas respostas violentas ou non violentas”. Tamén se oferta un novo curso de metodoloxía socioafectiva para a intervención social na que se empregarán “linguaxes transformadoras a través do xogo e da arte pasando polo teatro, o movemento ou a pintura”. Por último en relación co eido socioeducativo repítense de edicións anteriores varios obradoiros: o de educación a través da danza e a expresión corporal; o de intervención asistida con cans e cadelas e o de 'mindfulness' no día a día.

Xa no ámbito científico, son dúas as proposta incluídas. En primeiro lugar está un obradoiro novo titulado Auga, antioxidantes e saúde, focalizado en achegar coñecementos sobre as potenciais aplicacións dos antioxidantes e a súa importancia na vida diaria e a alimentación. A segunda opción é unha reedición do curso de introdución á observación astronómica, no que non faltarán as sesións prácticas no telescopio do campus.

Eido artístico

Como xa é tradición, os membros da comunidade universitaria e a cidadanía interesada tamén teñen a oportunidade de apuntarse este cuadrimestre ás aulas de artes escénicas do campus de Ourense. As aulas de teatro estarán de novo a cargo de Sarabela Teatro e con dirección de Fernando Dacosta: a aula Rosaura, o primeiro nivel, está aberta ás e aos que se inician no eido teatral, o segundo nivel, Cordelia, ás persoas que xa teñen algo de experiencia e Maricastaña acollerá ás e aos que teñen un nivel máis avanzado. Igualmente celebrarase unha nova edición do obradoiro de música tradicional galega, de gaita e percusión, ofrecido polo músico Gonzalo Abelairas, e da aula de danza contemporánea, a cargo da coreógrafa Nuria Sotelo.

0.20212006568909