O Campus de Ourense organiza unha nova edición de Expouniversitas

OurenseXa
A comunidade universitaria poderá participar neste concurso que se celebrará o 7 de febreiro
Edificio-de-ferro-campuss-ourense-recurso
Campus de Ourense
14 Jan 2025

O Campus Remoto da Universidade de Vigo acollerá o vindeiro 7 de febreiro a nova edición de Expouniversitas, un evento que ofrece á comunidade universitaria a oportunidade de presentar os seus traballos máis destacados no ámbito académico e de investigación, de forma individual ou en grupo.

Desde a súa creación en 2018, este foro converteuse nun espazo de encontro para o intercambio de experiencias e a creación de vínculos entre os membros da comunidade universitaria interesados en diversas áreas do coñecemento, así como na innovación e na investigación. Aínda que está aberto a todas as persoas interesadas, a cita diríxese especialmente aos membros da Universidade de Vigo que queiran dar visibilidade ás súas investigacións e proxectos.

A organización deste evento, que se celebrará exclusivamente en formato virtual, está a cargo do profesorado da Facultade de Educación e Traballo Social do Campus de Ourense, en concreto de Pedro Membiela, Isabel Mociño, Sara Vázquez, Katherine Acosta, Ángel Manuel Vázquez e José Benito Vázquez.

Propostas diversas

Expouniversitas invita á presentación de traballos realizados por alumnado, persoal docente e investigador de todas as titulacións e campus da Universidade de Vigo, abarcando proxectos de grao, posgrao, doutoramento, así como traballos de fin de grao ou máster. Co obxectivo de fomentar a participación, tanto presentando traballos como asistindo como público, a organización subliña os beneficios de valorar o traballo académico e investigador realizado na institución, mellorar as habilidades de exposición pública do alumnado e permitir ao profesorado coñecer experiencias educativas innovadoras de outros compañeiros. Ademais, resáltase a retroalimentación positiva que os asistentes reciben tanto presentando os seus traballos como coñecendo os proxectos doutras persoas da comunidade universitaria.

O 7 de febreiro, as persoas inscritas terán a oportunidade de presentar os seus traballos, de forma individual ou en grupo, durante un tempo determinado. O foro desenvolverase entre as 16.00 e as 18.00 horas. Co prazo para presentar propostas aínda aberto, desde a organización agardan alcanzar o mesmo número de traballos presentados que nas edicións anteriores, arredor de 40 traballos de moi diversas temáticas.

0.16322207450867